Conta atrás para o remate da humanización das rúas Principal e Loriga de Lalín

No Nadal as actuacións estarán prácticamente rematadas
José Crespo, Paz Pérez e José Cuñarro visitaron este luns as actuacións. CEDIDA
photo_camera José Crespo, Paz Pérez e José Cuñarro visitaron este luns as actuacións. CEDIDA
No Nadal estará practicamente rematada a humanización das céntricas rúas lalinenses Principal e Loriga. O alcalde de Lalín, José Crespo, acompañado dos concelleiros delegados da Edusi e de Obras, Paz Pérez e José Cuñarro, visitou este luns as actuacións, que seguen "cumprindo obxectivos temporais" e nas que xa comezaron a "colocarse os solados en pedra que corresponderían as beirarrúas de Joaquín Loriga".

Na visita, na que tamén tomaron parte os responsables técnicos municipais, da empresa adxudicataria (Oresa) e os responsables do proxecto, púidose comprobar que van moi avanzados os traballos de preparacións das superficies enriba das que se colocarán os solados e a dotación de servizos das rúas de plataforma única como as canalizacións de evacuación de pluviais.

De feito, estas actuacións xa comezaron en Joaquín Loriga no lateral esquerdo en sentido subida e continuarán ata rematar esta rúa e comezar pola outra beira, xa que no tramo da rúa Principal manterase o actual solado. En canto estean realizados estes traballos, será o turno da colocación do afirmado en formigón ocre que constituirá a superficie de rodaxe para vehículos no centro da calzada.

Na visita abordáronse as decisións sobre diversos remates estéticos que hai que adoptar para facer conexión entre as zonas empedradas vellas e que non se retiraron e os novos solados e as súas conexións coas canalizacións de evacuación de auga. Tamén se trataron temas relativos ás zonas verdes que humanizan varios tramos de rúa e a súa configuración final e detalles puntuais sobre as áreas de carga e descarga necesaria nunha zona con tanta actividade de movemento de mercadorías.

Ambas partes, Concello e empresa, agardan que na medida do posible se cumplan os obxectivos temporais marcados e que en Nadal a obras estea case rematada ou na súa maior parte executada.

Comentarios