Lalín celebrará este mes as súas festas patronais e a Feira do Cocido

A pouco máis dunha semana para As Dores, o Goberno local decidiu celebrar actividades en honra á patroa da capital dezana, pero en formato reducido e cun exhaustivo control
undefined
photo_camera Reunión do Goberno local coa hostalería lalinense. CEDIDA

O descenso de casos activos de coronavirus na capital dezana e que o municipio pasase de estar en risco alto a medio-baixo levou ao alcalde, José Crespo, a tomar unha decisión: haberá festas de Lalín e Feira do Cocido este mes. Así o anunciou este mércores o rexedor dezano, despois de que o pasado martes se reunise coa hostalería de Lalín para analizar os pros e os contras de celebrar ambos os eventos.

E é que, a pesar de que xa se anunciou a intención do Concello de organizar estas actividades no mes de setembro, o aumento de casos de covid-19 sobre todo en mozos tras as festas de Melide fixo ao equipo de José Crespo dar un paso atrás e ser prudente na decisión, que finalmente foi un si a celebrar as Festas das Dores, que terán lugar desde o venres 17 ao martes 21, e á 53ª edición da Feira do Cocido, que será domingo 26 deste mes.

Iso si, o popular subliñou que serán unhas celebracións "totalmente distintas". Haberá un ambiente festivo "pero controlado", dixo. Así mesmo, destacou que As Dores "non será unha festa á vella usanza, con xente de fóra que vén a Lalín", senón que "é un formato de festas para nós, para as nosas persoas maiores, para os nosos nenos, para comer nas casas coas precaucións que haxa que ter", sentenciou.

Pero aínda que sexan en formato reducido, haberá, asegurou o rexedor, "eventos de recoñecido prestixio", que se anunciarán nos próximos días.

"Nós estivemos traballando desde que decidimos facelas, hai agora uns meses, nun formato de festas non festas, isto é, doutra maneira, non as tradicionais", explicou Crespo.

As Festas das Dores serán do venres 17 ao martes 21 e a 53ª edición da Feira do Cocido, o domingo 26

PROTOCOLO COVID. "Temos unha carpa onde collen 600 persoas sentadas comodamente e cumprindo cos requisitos todos de protocolo covid; temos atraccións para nenos contratadas cunha empresa, que nos cobra máis que unha orquestra, que é a encargada con oito persoas de facer cumprir os protocolos que se lle marquen, polo tanto cremos que non vai ser igual que noutros sitios onde non había este tipo de controis. E nós temos organizados eventos de recoñecido prestixio, de formato distinto", polo que "cremos que imos facer unhas boas festas", apuntou o mandatario.

Doutra banda, anunciou que a 53ª Feira do Cocido celebrarase o domingo 26 de setembro, iso si, prescindindo do gran desfile. Haberá pregón e "algunhas actuacións que adornen o Día do Cocido". Recoñeceu que aínda non hai pregoeiro, algo no que traballará os próximos días. Así mesmo, puntualiza que Lalín ten dereito a subvencións porque a Feira do Cocido está recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional, polo que con estas axudas e as da Xunta e a Deputación a organización desta cita "non nos vai custar practicamente nada".

Por outra banda, o alcalde recoñeceu que a súa decisión non ten o apoio de todo o sector de hostalería. "Non todos pensan o mesmo ca nós. Comentaba algún hostaleiro que llo podiamos ter dito antes (...) A explicación que lle dei é que se esta reunión non a tivemos un mes antes é porque non tiñamos a planificación definitiva", dixo.

Compromiso e o PSOE critican a "absurda" decisión do Goberno local
A oposición tamén criticou a decisión do Goberno local. O líder de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, lamentou que o Goberno non accedese á presenza dun responsable sanitario na Xunta de Voceiros celebrada o mesmo día que a reunión cos hostaleiros, "para expoñer a súa opinión sanitaria sobre a celebración das festas", dixo. Cuiña, que asistiu posteriormente á reunión da hostelaría, xunto coa concelleira Ana Varela, cre que o Goberno "foi coa decisión tomada de seguir para adiante", e comparte "o dito por algún profesional sobre o absurdo de convocalas a só unha semana do inicio das festas e sen información previa". 

"Como xa sabía Compromiso, unha parte importante do sector negouse a ir á reunión, e os que foron tiñan diversas opinións", indicou. Por iso, Cuiña considerou que "así non se goberna", sentenciou. 

Pola súa banda, o portavoz socialista, Román Santalla, apuntou que "o PSOE comprende a postura dos hostaleiros que non queren festa, pois están cansos de pagar inxustamente as consecuencias da pandemia". Así, criticou que Crespo chegase á reunión "coa idea xa tomada de ter festas e sen importarlle nada o que digan os demais". "Debemos buscar un equilibrio entre a actividade cultural e a seguridade sanitaria pero o que non se pode facer de ningún modo é impoñer como pretende Crespo", engadiu.

Comentarios