O cribado de Forcarei detecta 13 novos positivos e o de Silleda catro

Verónica Pichel segue a apostar polo autoconfinamento dos veciños para frear o avance do virus
Un sanitario realizando unha proba a un veciño de Silleda. PATRY FIGUEIRAS
photo_camera Un sanitario realizando unha proba a un veciño de Silleda. PATRY FIGUEIRAS

Os cribados poboacionais con test rápidos de antíxenos efectuados en Forcarei polo Servizo Galego de Saúde, de cara a detectar o maior número posible de portadores asintomáticos, permitiu a detección de 13 casos positivos de covid-19.

Este cribado voluntario, que tivo lugar no centro de saúde de Forcarei, comezou o pasado xoves 28 e rematou onte. Á dita iniciativa preventiva convocouse finalmente a 2.007 forcaricenses de 40 ou máis anos, efectuándose un total de 1.223 probas que deron coma resultado os devanditos 13 positivos -porcentaxe que representa o 1,06 por cento do colectivo poboacional que voluntariamente acudiu a efectuarse estes cribados.

Para levar a cabo esta iniciativa preventiva, a Administración Sanitaria Pública galega contou no centro de Atención Primaria forcaricense con tres equipos de enfermaría en cada turno, que efectuaron tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das tomas de mostras e información aos usuarios.

A alcaldesa, Verónica Pichel, calificou de "complicada" a situación epidemiolóxica en Forcarei, polo que quixo insistir no seguimento das normas de protección "con absoluto rigor", ademais de apostar polo autoconfinamento "todo o que sexa posible". 

SILLEDA. Pola súa parte, o cribado que se levou tamén a cabo o sábado en Silleda detectou catro positivos. Á cita convocáronse finalmente a 1.400 veciños de idades comprendidas entre os 31 e 50 anos, efectuándose 805 probas, das cales 512 se fixeron só pola mañá, mentras que o resto se realizaron na xornada da tarde.

Por outra banda, o Concello de A Estrada será o seguinte no que se leve a cabo un cribado a próxima semana (martes, mércores e xoves) e para o que se citaron 2.800 estradenses de entre 31 e 50 anos.

Comentarios