Cuiña alerta dunha situación insostible nas arcas de Lalín, cunha débeda de 10,5 millóns

Subliña que a interventora advirte que o Concello non cumpre a estabilidade orzamentaria nin a regra de gasto
Rafael Cuiña nun pleno. DP
photo_camera Rafael Cuiña nun pleno. DP

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, alertou o martes da "preocupante e insostible situación económica á que está a levar o Goberno de Crespo ao Concello de Lalín". Segundo reflicten os informes de Intervención, a débeda municipal chegará a finais deste mandato a máis de 10,5 millóns de euros. Na actualidade hai formalizados créditos con entidades bancarias por 8,9 millóns de euros, aos que agora hai que sumar un novo préstamo -que se acaba de sacar a licitación- por valor de case 1,5 millóns de euros.

"Estamos en niveis de endebedamento inasumibles para unha entidade local", advirte Cuiña, "cuns 525 euros de débeda por cada veciño e veciña de Lalín". É "un récord absoluto que multiplica por dous a débeda que deixou o PP cando cheguei á Alcaldía en 2015", lembra.

A maiores, o candidato de CxL incide noutro dato "que non presaxia un futuro nada alentador para as arcas municipais". Intervención conclúe nos seus informes económicos que neste intre non se están a cumprir o obxectivo de estabilidade orzamentaria nin da regra de gasto.

Isto implica, advirte Cuiña, que de non estar suspendidas na actualidade as regras fiscais -que poden volver a habilitarse en calquera momento- o Concello estaría abocado á elaboración dun Plan Económico Financeiro (PEF) e polo tanto a súa xestión económica estaría tutelada polo Goberno central. "Débeda e gastos desorbitados en cuestións que non son prioritarias para a veciñanza están deixando totalmente hipotecado ao próximo goberno de Lalín", conclúe.

Débeda e gastos desorbitados en cuestións que non son prioritarias para a veciñanza están deixando totalmente hipotecado ao próximo goberno de Lalín"

Por outra banda, Cuiña fai fincapé en outras cifras chamativas que recollen os informes económicos de Intervención. Nesta liña, pide explicacións polo desfase entre os gastos e os ingresos. O documento sobre a execución do orzamento reflicte que houbo 29,8 millóns de euros de gastos fronte a 19,6 millóns de euros de ingresos, o que deriva nun resultado negativo de -10,2 millóns de euros.

Con respecto aos remanentes de tesourería, de 3,3 millóns, para Cuiña resultan excesivamente elevados nun contexto no que "están suspendidas as regras fiscais e, polo tanto, o Concello non conta con ningún tipo de limitación para empregalos".

Lembrou que con 2,7 millóns de euros de remanente e coas regras fiscais vixentes, no anterior mandato o daquela portavoz do PP, Javier Blanco, "dicía que eran a radiografía exacta da incapacidade xestora do anterior goberno".

Comentarios