Cuíña: "Se hai reponsabilidades claras o Concello persoarase na causa do incendio"

A Garda Civil comezou onte a tomar declaración aos veciños da rúa Trasdeza

Edificio afectado polo lume na rúa Trasdeza. PATRI FIGUEIRAS

A Garda Civil comezou onte a tomar declaración a veciños e veciñas da rúa Trasdeza de Silleda co obxectivo de determinar as causas do incendio ocorrido o pasado venres nun edificio da céntrica rúa trasdezana e dirimir responsabilidades.

O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, indicou onte que "imos esperar a que rematen as investigacións da Policía Xudicial, a ver que responsabilidades saen de aí. Se son claras, o Concello personarase na causa, evidentemente".

O rexedor sinalou tamén que a investigación aínda está en marcha "e nós o único que sabemos é que todo apunta a que o incendio se provocou na leira lateral do lado".

De feito, o propietario da leira anexa ao edificio incendiado tiña un requirimento do Concello para que limpase a parcela "do día 8 de xullo". Así, concedéronselle dez días para realizar os labores de limpeza, que se cumprían "xusto o día seguinte ao do incendio". Con todo, Cuíña asegura que "todo indica a que a leira foi limpada dous ou tres días antes", polo que "hai que esperar á investigación a ver que resultado sae".

A primeira noite tras o incendio só unha familia durmiu no seu piso, pero onte, segundo asegurou o rexedor, xa regresaran todos aos seus fogares, excepto os propietarios do cuarto piso, o máis afectado tras o voraz incendio que tivo lugar o venres, polo que terán que esperar a que se realicen as obras de reparación do inmoble. "Os do cuarto van a ter que esperar varios días para volver, xa que só as operacións de limpeza levan tempo, xa que hai ventás afectadas e cristais rotos".

O suceso, que comezou ao redor das 13.30 horas do pasado venres, resultou moi aparatoso e fixo necesario cortar ao tráfico a estrada N-525 para facilitar o labor despregado polos equipos de urxencias.

O lume calcinou por completo unha das fachadas laterais do edificio de cinco pisos. A calor fixo rebentar os cristais de varias fiestras e o fume alagou as estancias, afectando especialmente á cuarta planta. Os veciños tiveron que ser desaloxados das súas vivendas pero afortunadamente non se produciron feridos.

Comentarios