Cultura Quente incorpora unha monográfica sobre o pastor alemán

A cita será o día 11 na Carballeira e está enmarcada nun fin de semana no que actuarán os grupos Froján e Maquía
undefined
photo_camera Ao redor de 70 exemplares poderán contemplarse na localidade termal. CEDIDA

Ante as limitacións ás que obriga a pandemia, o Concello de Caldas de Reis aposta pola imaxinación para lograr que o programa de Cultura Quente ofreza unha variada gama de alternativas.

E nesta liña enmárcase unha novidade. Trátase dunha sesión monográfica da que serán protagonistas os cans da raza pastor alemán. A cita é o día 11, de 9.00 a 14.00 horas, na Carballeira. O acceso é libre.

Serán ao redor de 70 os exemplares que poderán contemplarse nesta cita; a maioría, procedentes de diversas localidades de Galicia, e tamén haberá cans de Canarias, Andalucía, Portugal, Madrid e Asturias, indicou Javier Estévez, o presidente da delegación pontevedresa do Real Club Español do Can Pastor Alemán.

Dous xuíces, José Oves e Secundino Flórez, serán os en cargados de outorgar a puntuación en relación coa beleza e a estrutura dos canes. Como é habitual, a categoría serán establecidas en función da idade. Non haberá premios en metálico, pero aqueles que logren as notas máis altas mellorarán a súa cotización no sector dos criadores.

Un segundo apartado desta xornada é o que está destinado aos nenos, que contarán cun espazo cuxa finalidade é inculcarlles o respecto polos animais a través do seu coñecemento, fomentando o agarimo, o respecto e a cultura relacionada cos cans.

Música. Cultura Quente tamén ofrecerá música este fin de semana, e o concerto estelar é o que protagonizará mañá o grupo Froján na Tafona, a partir das 21.30 horas. Antes será a quenda de Dj Moe, e o domingo a animación na rúa estará a cargo a banda de gaitas Maquía, unha formación tradicional da parroquia de Godos formada fai máis dunha década.

Comentarios