Cúmprense oitenta anos do descubrimento do Tesouro de Caldas de Reis

O Concello desenvolverá no próximo ano actividades educativas e culturais para divulgar e poñer en valor este conxunto de pezas
Réplica das pezas orixinais que se atopan no Museo de Pontevedra. DP
photo_camera Réplica das pezas orixinais que se atopan no Museo de Pontevedra. DP

Este sábado cúmprense 80 anos do descubrimento, o 20 de decembro de 1940, do Depósito das Silgadas, coñecido popularmente como o Tesouro de Caldas. Con este motivo, o Concello vai desenvolver no ano vindeiro un ciclo de accións educativas e culturais coas que divulgar e poñer en valor este conxunto de pezas. O Tesouro tamén se vai empregar en material e iniciativas de promoción turística co obxecto de facer del unha das imaxes que represente a Caldas como destino de interese patrimonial e histórico.

Trátase do tesouro de ouro máis importante da Península Ibérica e dun dos de maior relevancia en toda Europa polo seu peso. Os arqueólogos adoitan establecer a súa ocultación na fase final do bronce antigo, cara o ano 1.800 A.C. Como se vendeu parte dos obxectos que o conformaban, resulta imposible saber con exactitude a súa composición e peso orixinais, pero polas investigacións e declaracións dos descubridores calcúlase que podería estar formado por máis de 25 quilogramos de ouro dos que se conservan 14,9.

A aparición foi fortuíta cando varios homes estaban colocando esteos para unha viña. Ao facer os buratos na terra observouse que no ferro que se estaba a cravar saía un anaco de ouro. Ao escavar a zona apareceu o tesouro a tan só 20 centímetros de profundidade. Os descubridores decidiron proceder á súa venda aos poucos.

En xuño de 1941 foron descubertos pola Garda Civil que procedeu a requisar o tesouro que lles quedaba por vender e avisou aos expertos. Fermín Bouza Brey, comisario provincial de escavacións arqueolóxicas, Filgueira Valverde, director do Museo de Pontevedra, e Sánchez Cantón, subdirector do Museo do Prado, realizaron xestións para que finalmente fose depositado no Museo de Pontevedra onde se atopa dende entón.

Comentarios