Cuntis destina 6.000 euros a financiar as actividades lúdicas e culturais

▶ O período de vixencia desta orde de axudas abarca desde o 16 de outubro de 2018 ata o 15 de novembro de 2019
Xosé Antonio Touriñán, nun momento da Festa do Lacón en Cuntis. RAFA FARIÑA
photo_camera Xosé Antonio Touriñán, nun momento da Festa do Lacón en Cuntis. RAFA FARIÑA

Estar legalmente constituídas, carecer de ánimo de lucro, desenvolver as súas actividades en Cuntis e estar inscritas no Rexistro de Asociacións na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes das subvencións son as esixencias que plantea o Concello aos colectivos que queiran acollerse ás súas axudas.

A finalidade da convocatoria é organizar concertos, festivais de música e baile, teatro, xornadas divulgativas, charlas, presentacións de libros, encontros temáticos, festas populares, verbenas, escolas e talleres e probas deportivas, entre outras actividades.

O Goberno local socialista precisa que non financiará as subvencionadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias da Administración local de Cuntis.

Tampouco contarán co seu respaldo económico "todas aquelas destinadas ao culto e exaltación de santos e outros elementos de categoría relixiosa" tal e como se recolle na moción aprobada polo Pleno da Corporación municipal celebrado no mes de xaneiro do ano 2017).

No entanto, precisa que esta decisión non afectará a aquelas actividades de corte lúdico e festivas que se celebren ao redor de romarías e a tradicións locais arraigadas na a cultura e a historia do municipio.

O período no que estará vixente esta orde de axudas abarca desde o final da convocatoria anterior, o 16 de outubro de 2018, ata o día 15 de novembro de 2019, sen posibilidade de prórroga. A achega procedente das arcas municipais para este capítulo ascende a 6.000 euros.

 

 

Comentarios