Cuntis inicia as actividades da quinta edición do festival A Revolta do Umia

O evento ofrece espectáculos musicais, culturais e relacionados co medio ambiente
Acto de presentación do festival que acolle o municipio cuntiense.  DP
photo_camera Acto de presentación do festival que acolle o municipio cuntiense. DP

O festival A Revolta do Umia deu a coñecer o seu programa de actividades musicais, culturais, gastronómicas e medio ambientais que desenvolverá este venres e o sábado no lugar de Vilar do Mato. Unha presentación á que asistiron o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, a deputada provincial de Cultura e Igualdade, María Victoria Alonso, e o secretario xeral de Política Lingüistica da Xunta, Valentín García.

O evento abre este venres coa celebración dunha cata sonora, cantada por Madalena Gamalho. Ás 16:30 darán inicio as proxeccións das curtas gañadoras do concurso A fume de carozo do LAV.mov, e ás 20:30 horas arrancan os concertos de Ann Trash, Liska, Igloo, Terbutalina e Viva Belgrado. A noite do venres pecha coa sesión de DJ Ozetak.

O sábado as actividades comezan ás 10:00 cunha andaina que transcorre a carón do río Umia, nun roteiro recuperado por unha asociación local; ás 12:00 celebrarase un obradoiro de cerámica castrexa, dirixido por persoal da Fundación Terra Termarum de Cuntis; á mesma hora, e para todos os públicos, un obradoiro de DJ, e ás 13:00 sesión vermut coa electrónica de DJ Viktor Flores.

Despois do xantar popular, ás 16:30 terán lugar os xogos a carón do río Umia; ás 17:00 obradoiro de baile e percusión; á mesma hora os máis cativos gozarán do espectáculo de Os Bolechas, e a partir das 19:00 as actuacións de Capital Voskov, Lisdexia, Kings of the beach, Grande Amore e Bala. O sábado rematará cunha sesión de electrónica de Dj Viktor Flores.

A organización do festival premia nesta quinta edición ao Proxecto CERNA, que promove a entidade sen ánimo de lucro Adega para a difusión e divulgación da información ambiental e cultural do país.

Comentarios