Cuntis instalará o seu primeiro punto de recarga de coches eléctricos

O municipio recibiu unha achega de máis de 12.000 euros concedida ao abeiro do Plan Moves do Instituto Enerxético de Galicia
Lugar onde se instalará o punto de recarga de coches eléctricos en Cuntis. CEDIDA
photo_camera Lugar onde se instalará o punto de recarga. CEDIDA

Cuntis contará proximamente co seu primeiro punto de recarga para vehículos eléctricos. Trátase dun proxecto pioneiro na localidade que acometerá o Concello grazas a unha achega de máis de 12.000 euros concedida ao abeiro do Plan Moves do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). Tal e como informou o alcalde, Manuel Campos, "Cuntis súmase así ás liñas de actuación necesarias para fomentar unha mobilidade eficiente e cada vez máis sostible".

O punto de recarga instalarase nas inmediacións da Casa do Concello, xunto á Praza da Constitución, unha zona céntrica, accesible e moi concorrida tanto pola veciñanza como polos turistas, "de maneira que terá visibilidade e será de gran comodidade para o seu uso", apunta o Concello, que explica que se destinará ao dispositivo de recarga dúas prazas de estacionamento en batería que serán debidamente sinalizadas e reservadas para este fin, xa que actualmente son de aparcamento común.

As obras necesarias para a instalación –que incluirán a extensión da rede eléctrica ata o punto– darán comezo no próximo mes de febreiro e prevese que o posto poida estar en funcionamento en marzo.

Manuel Campos destacou a aposta do Goberno municipal por impulsar a mobilidade mediante enerxías alternativas. Así, este novo punto servirá para divulgar entre os veciños a tecnoloxía do coche eléctrico, "ofrecendo a posibilidade de realizar recargas con comodidade e de maneira que os cidadáns se plantexen a posibilidade de poder adquirir un. Este novo punto situará ao Concello de Cuntis como unha referencia en mobilidade sostible e reafirma o compromiso do Goberno co medio ambiente", sinalou.

O poste de recarga terá unha potencia de 22 quilovatios trifásica e conlevará a extensión da rede eléctrica ata o punto mediante unha nova acometida. Tamén se colocará un armario de protección a medida e instalaranse diferentes mecanismos de control de acceso e un sistema de comunicacións para o seu manexo a distancia.

Comentarios