Cuntis ofrece arqueoloxía, historia e natureza

As augas termais, selo de identidade da vila desde a época romana, son o principal reclamo para os visitantes
2020071513154387088
photo_camera Os castros e os miradoiros abundan no concello, mentres as rutas de sendeirismo gañan peso. DP

Hai que remontarse aos séculos anteriores a nosa era para comezar a reconstruír a historia de Cuntis. Unha visita a este concello permite gozar de ata 14 recintos castrexos, dólmenes e petróglifos. A viaxe polo tempo é apaixonante e continúa coa chegada dos romanos, que descubriron as augas termais e puxéronas en valor. Un selo de identidade cuntiense que se referendou durante o reino Suevo e a Idade Media, permanecendo ata os nosos días.

Todo o mundo coñece os relaxantes e sanadoras augas cuntienses, utilizadas desde sempre por xente de toda clase e condición chegadas de diferentes puntos do planeta. Pero a vila termal ten máis encantos que ofrecer aos seus visitantes, aínda que a súa visibilidade se quedou nun segundo plano polo gran prestixio das termas.

ALTERNATIVAS. O Concello de Cuntis conta con varios miradoiros onde se pode compaxinar o paseo pola natureza, a visita a zonas con restos arqueolóxicos e, por suposto, a contemplación de paisaxes de todo tipo. Cun pouco de sorte, poderase avistar a algún dos compoñentes da fauna local, desde pequenos batracios, réptiles ou aves, ata mamíferos como raposos, xabarís, tejones ou incluso algún lobo.

Desde o Castro de Sebil temos unhas vistas espectaculares das rías de Pontevedra e Arousa, a xeografía de Caldas e os promontorios das Terras de Montes e Campo Lameiro. Tamén podemos ver o mar de Arousa desde o Monte Xesteiras, ademais do val local, o Pico Sacro, as Terras de Compostela e as que baña o río Lérez no seu camiño cara á capital da provincia.

O concello conta con 14 castros, petróglifos, dólmenes, miradoiros desde os que se alcanza a ver o mar e parques de lecer

No miradoiro de Montesandeu gozamos do val de Cuntis e varias fortificaciones castrexas. Ese val pode ser contemplado desde o Castro de Arcos, do mesmo xeito que o val de Vexa e as terras de Tabeirós, no municipio da Estrada. Para rematar, en Couselo atopamos a paraxe das tres lagoiñas, xunto ao Monte Xesteiras, podendo avistar desde esa zona a desembocadura do río Ulla. Un lugar que en xullo acolle a tradicional rapa das bestas de Couselo.

Unha opción próxima ao núcleo urbano, apenas un quilómetro, é o Castro de Castrolandín. Un museo ao aire libre dun poboado fortificado da idade do Ferro, rodeado de paisaxes de gran beleza.

Para os que queren pasar unha xornada máis relaxada, o concello conta con varias zonas de Lecer, como a carballeira de Vilameán en Estacas ou a carballeira 18 en Troáns. Xa na propia vila atopamos zonas de paseo polas marxes do río Galo, o parque de Maráns, onde se levanta o monumento ao Sagrado Corazón de Xesús, e a Horta do Cura, en pleno centro xunto á igrexa parroquial.

A oferta complétase con rutas de sendeirismo, o máis demandado do momento, como o tramo cuntiense da Vía Mariana, que nace Braga e vai ata Muxía, e festas gastronómicas como a do lacón con grelos ou a da exhaltación da castaña.

Comentarios