Cuntis reivindica a igualdade cun novo acto do programa 'Mulleres en Acción. Violencia Zero'

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, Manuel Campos, seguiron no Centro Patelas da vila termal a posta en escea da artista viguesa María Villanueva, que puxo o foco no "mundo misóxeno" en que vivimos
Carmela Silva e Manuel Campos, durante o acto celebrado este martes na vila termal.DP
photo_camera Carmela Silva e Manuel Campos durante o acto celebrado onte na vila termal.

A artista viguesa María Villanueva escenificou onte no Centro Patelas de Cuntis unha implosión de música, imaxes e palabras na nova proposta do programa Mulleres en Acción. Violencia Zero que desenvolve a Deputación de Pontevedra e que, en palabras da presidenta provincial, "é un berro convencido e cada vez máis necesario". A Carta Aberta que interpretou sobre o escenario a artista puxo o foco no "mundo misóxino" en que vivimos e, segundo Villanueva, constituíu "un exercicio de escoita e reacción; unha busca de respostas sobre a violencia e o feminismo; ese feminismo no que hai espazo para todas".

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, foi unha das persoas que puideron desfrutar en directo desta acción xunto coa deputada provincial, Victoria Alonso, o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e membros da corporación municipal. Para que todo o mundo puidera ter a oportunidade de ver a acción de María Villanueva, esta foi retransmitida a través de diversas canles institucionais así como no Centro de Día de Cuntis.

A presidenta provincial fixo un recoñecemento ás mulleres que traballan nos CIM xunto a outras que cada día padecen todo tipo de desigualdades. Neste senso puxo ao concello de Cuntis como un referente no traballo pola igualdade posto que "o prioritario é que a metade do mundo acade aquelo que lle corresponde: a metade de todo". Silva lembrou que o día no que coñeceu a María Villanueva quedou "abraiada e profundamente namorada. Porque namorarse é amar algo e non o amor romántico e de mentira que nos contan a través do mundo audiovisual, feito por homes". Ademais, a presidenta subliñou que Villanueva "pon toda a súa capacidade a disposición da loita máis fermosa que existe, que é a da igualdade".

Silva recalcou que as mulleres están marcadas dende o seu nacemento para que "saibamos o lugar que temos que ocupar no mundo" mentres aos homes lles din que "teñen un lugar de empoderamento. Tampouco aparecemos nos libros de texto nin nos debates, nos que falan eles e nos contan o mundo cunha mirada masculina". Pola tanto, "medramos sen referencias e crendo que estamos para outras cousas e non para opinar, cambiar, transformar ou dirixir". Estamos nun mundo no que a metade da poboación leva centos de anos reclamando que non quere nin máis nin menos que a metade de todo" e ademais "somos o talento, o 55% das tituladas universitarias en España".

Silva fixo fincapé en que no mundo occidental témonos que enfrontar a moitas desigualdades posto que ata "a diversidade é máis aceptada neles que en nós, pero hai mulleres noutros lugares do mundo que sofren moito máis e por iso temos que reclamar a axenda feminista, a loita contra a prostitución e os ventres de alugueiro. Por iso queremos que rematen todos os machismos. Non hai ningún micromachismo, todos son macros, ata o máis terrible que é o asasinato de miles de mulleres no mundo".

Manuel Campos quixo deixar claro que "a aposta feminista en Cuntis está moi presente". Na súa intervención agradeceu tanto ao ente provincial como ao persoal e políticos do concello o traballo que levan a cabo a favor da igualdade. Lembrouse tamén dunha alpinista á que coroar cumios se lle fixo máis complicado polo simple feito de ser muller así como da primeira muller vicepresidenta dos Estados Unidos. Campos quixo rematar a súa quenda de palabra cunha frase de Carme Chacón: "Cada vez que unha de nós da un paso adiante, dao o noso xénero".

Comentarios