Cuntis traballa co obxectivo de seguir celebrando o Cuntilín

O Concello sinala que a incerteza sanitaria e a falta de protocolos de seguridade son os seus principais obstáculos
2020082617314229939
photo_camera O Goberno local está a executar a limpeza exterior do CEIP Marcelino Rey García. CEDIDA

O Goberno local de Cuntis anunciou o martes que traballa para pór en marcha o programa Cuntilín 20/21 e as actividades extraescolares, coa previsión de que poidan reactivarse a partir de setembro.

"O Concello ten o compromiso firme de comezar o antes posible a ofrecer este servizo de conciliación, tan importante, para as familias, pero a situación de incertidume xerada pola crise sanitaria pode variar moito calquera previsión", advertiu a concelleira de Educación e Servizos Sociais, Conchy Campos.

O principal problema radica na falta de protocolos de seguridade a seguir para levar a cabo este tipo de iniciativas e na carencia de regulamentos comúns ante a continuación das actividades lectivas e de conciliación, sinalou.

"O que hai que ter claro é que, polo momento, nada vai ser igual ao que foi antes da pandemia, pois, entre outras cuestións, a permanencia dos nenos e nenas nos centros terá que limitarse no tempo a un máximo de dúas horas e deberán participar en grupos separados", precisou Campos.

Por este motivo, agregou que "estamos a valorar que poidan iniciarse os programas ofrecéndolles o servizo só a aquelas familias que xustifiquen unha máxima necesidade de conciliar".

O Concello traballa en contacto permanente coa empresa xestora do Cuntilín e estudan "con minuciosidade" os diferentes protocolos promovidos polas Xunta de Galicia, coa finalidade de garantir todas as esixencias de seguridade e prevención, sinala.

Paralelamente, o Concello puxo en marcha os traballos de mantemento, limpeza e desinfección do CEIP Marcelino Rey García. As actuacións están a se levar a cabo desde o día 24 no exterior do centro, porque o interior do inmoble non é competencia da Administración local.

A súa finalidade é a posta a punto para que a actividade se poida levar a cabo nas mellores condicións cando empecen as clases, no mes de setembro.

Comentarios