CxL e BNG piden a dimisión de Karen Fernández e a reprobación de José Crespo

Denuncian que a edil non se desculpou con Cuiña e Vilariño e que o alcalde "insulta á oposición chamándolles fascistas"
Karen Fernández Lamela (centro) en el Pleno ordinario de enero. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Karen Fernández Lamela (centro) no Pleno ordinario de xaneiro. PATRI FIGUEIRAS

Compromiso por Lalín (CxL) e o BNG pediron este xoves a dimisión da concelleira de Comercio, Karen Fernández Lamela, pola liorta do pasado Pleno do mes de xaneiro, que comezou coa expulsión do portavoz nacionalista, Francisco Vilariño, tras recibir ataques da edil "popular", e terminou co abandono da sesión de CxL e PSOE despois de que Fernández Lamela dixese a Rafael Cuiña, entre outras citas desafortunadas, que "se vivise o teu pai partiríache a cara a hostias".

Nun comunicado, CxL e BNG afean que "tras os insultos do PP aos nosos concelleiros, e despois de dar tempo sobrado a que se desculpasen con Cuiña e Vilariño polo acontecido no Pleno, agora Crespo Iglesias insulta á oposición chamándolles fascistas". Por iso, "en vista da mostra evidente de prepotencia política de Crespo, da atitude violenta da súa concelleira e da falta de humanidade non desculpándose de Karen Fermández Lamela, as dúas formacións acordamos oficialmente solicitar a dimisión de Fernández Lamela polos inaceptables actos que protagonizou no Pleno".

CxL e BNG recordan que a ambulancia medicalizada era unha promesa electoral do PP de Lalín e acusan a José Crespo de mentir

Ao mesmo tempo, CxL e BNG consideran "grave" que o alcalde, José Crespo, acuse de demagoxia á oposición por solicitar unha ambulancia medicalizada para Deza. Así, ambos recordan que a ambulancia medicalizada era unha promesa electoral do PP de Lalín, polo que acusan agora a Crespo de "mentir" polo seu cambio de criterio, tras declarar que non é "o momento" de solicitala. Por iso, "no próximo Pleno solicitaremos a reprobación de Crespo".

PSOE. O PSOE tamén acusou o rexedor lalinense de mentir aos veciños e veciñas. "O alcalde sorprende cunhas declaracións nas que afirma que solicitar unha ambulancia medicalizada é demagoxia porque non é viable, cando no seu propio programa electoral figura como punto número un en materia de Sanidade a promesa de dotar a Lalín cun destes vehículos de emerxencias".

O grupo socialista acusa o alcalde de facer "gala dunha absoluta desvergoña política". Sosteñen, así mesmo, que Crespo "está a acusarse a se mesmo e ao seu programa electoral de demagóxicos" e demanda explicacións públicas "ante esta mentira da que a cidadanía vai tomar boa nota".

Comentarios