A Deputación transfire un tramo da estrada EP-6518 ao Concello de Silleda

O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou a transferencia dun tramo de estrada provincial Silleda-Ponte para convertelo en viario urbano municipal. Esta transferencia intégrase no convenio asinado entre a institución provincial e o Concello trasdezano para a mellora da mobilidade peonil nun tramo da estrada provincial EP-6518, no que se investiron preto de medio millón de euros.

Así, a través desta transferencia, a Deputación de Pontevedra cede ao Concello de Silleda o tramo da vía na que actuou, xa que, polas súas características funcionais actuais e tamén de utilidade, non reúne as peculiaridades propias dunha estrada provincial sendo asimilable ao viario municipal de tipo urbano. Deste xeito, mediante a cesión, o Concello "poderá garantir de xeito óptimo o seu mantemento e control de ocupación do dominio público", indica o organismo provincial.

A transferencia refírese concretamente ao tramo entre os puntos quilométricos 0+435 e 0+876. Mediante este convenio, cun orzamento de 448.077,47 euros, transformouse unha vía eminentemente rodada nun entorno con alto peso da mobilidade peonil.

Comentarios