domingo. 29.11.2020 |
El tiempo
domingo. 29.11.2020
El tiempo

Lalín destinará axudas para o comercio, obras, festas e deporte base

Traballos de desbroce en camiños en Lalín. CONCELLO
Traballos de desbroce en camiños en Lalín. CONCELLO
O Pleno aprobará unha modificación de crédito por 238.000 euros ao sobrar estes fondos da partida para os comerciantes

O Goberno municipal levará ao Pleno de mañá venres (10.00 horas), que se celebrará de xeito presencial na Casa Consistorial e no que se estreará o sistema de videoacta, unha modificación de crédito para diversos cometidos por importe de 238.000 euros, segundo informou onte o Concello nun comunicado. Esta modificación sufragarase integramente con cargo á partida orzamentaria non gastada do programa de apoio municipal de axudas ao comercio, autónomos e pemes, unha vez que rematou o prazo de solicitude o 13 de xullo e se comprobou que non se fará uso desta partida (ao coñecerse, polo tanto, o número exacto de persoas solicitantes destas axudas).

Así destinaranse 80.000 euros á compra de subministro de materiais para bacheo de pistas municipais, toda vez que o Concello dispón dunha ampla rede de vías nas que cómpre realizar labores de mantemento periódicas cos medios técnicos e humanos municipais dispoñibles. "É de destacar que esta primavera se rexistraron moitas chuvias torrenciais que agudizaron o deterioro dos viais, tanto no que se refire á pavimentación bituminosa como aos camiños de zahorra, polo que a partida que estaba contemplada a este fin se fai necesario suplementala", apunta o Concello.

Para a realización de actividades culturais e festivas municipais reservarase un orzamento de 65.000 euros, xa que na realidade poscovid precísase, dentro do estrito cumprimento das normas de seguridade, incentivar o consumo e a reactivación económica, xerando espazos de lecer para persoas de todas as idades.

Deste xeito, esta partida de 65.000 euros irá destinada ás festas patronais das Dores, no caso de que a situación sanitaria permita a súa celebración, e no caso de que non, destinaranse a outras actividades culturais diversas no que resta de ano como concertos musicais para a cativada; degustacións gastronómicas; exposicións en distintos emprazamentos; actuacións folclóricas; realización de distintos talleres culturais e recreativos; showcooking con exaltación dos produtos locais; biblioteca móbil para o fomento da lectura; actuacións de teatro e danza; concursos de fotografía ou actividades relacionadas co Camiño de Santiago, entre outras.


MEDIO AMBIENTE

O goberno municipal, "sendo consciente de que o deporte é unha prioridade, e facendo un esforzo económico considerable nestes tempos de postpandemia", dedicará 75.000 euros á promoción e fomento do deporte (60.000 euros a subvencións ao deporte base e 15.000 euros a outras subvencións deportivas) consciente do interese público das actividades realizadas polos clubs deportivos, tanto no que se refire á organización de eventos deportivos de relevancia para o Concello de Lalín, como na participación do fomento da práctica deportiva entre os cidadáns.

A última das modificacións estará dirixida á realización dun estudo técnico sobre medio ambiente acerca da situación xeral do Concello de Lalín destinaranse 18.000 euros.


BEIRARRÚAS

Por outra banda, a Xunta de Goberno local vén de aprobar a contratación das obras de reposición integral de beirarrúas no núcleo urbano de Lalín por un importe de 44.389,60 euros á empresa Vilariño Movimiento de Tierras y Obras SLU.

Actuarase nas rúas do Rodo, Monte Faro, do Observatorio, Maruja Gutiérrez, Nuno Eanes de Cercio, Garda Civil, Salgueiriños, Antonia Ferrín e Anel do Agro-Lalín de Arriba, así como en Cidade Xardín e na avenida de Bos Aires, segundo apuntou o concelleiro Nardo Seijas. As obras empezarán "de inmediato".

Obras de acondicionamento do Camiño Xacobeo
Continúan a desenvolverse as obras de acondicionamento no Camiño de Santiago, ao seu paso por Lalín, naqueles treitos que se viron máis afectados polas treboadas de hai unhas semanas, segundo indicou o concelleiro de Obras, José Cuñarro, que está a realizar, xunto coa edil de Turismo, Begoña Blanco, un seguemento das actuacións que dsenvolve a Xunta de cara ao Xacobeo 2021.

Onte quedou lista a Vía da Prata, á altura de Bendoiro, nun treito que comunica a aldea de Campo de Bendoiro coa parroquia de Prado e este xoves comezarán a arranxar en Prado o treito do Camiño que vai por detrás da N525, desde o estanco ata o cruce da estrada EP-6004 e que era un dos que presentaba un estado máis deteriorado.

Lalín destinará axudas para o comercio, obras, festas e deporte base
comentarios