Deteñen a unha veciña de Valga por roubos en dúas vivendas do municipio

Tiña unha ferida no brazo que se produciu supostamente ao romper os cristais dunha das casas

A Garda Civil detivo a unha veciña de Valga de 44 anos de idade como presunta autora dos roubos con forza nas cousas cometidos o pasado mes de xaneiro no interior de dúas vivendas no mesmo municipio. 

Segundo informou o Instituto Armado, os dous roubos investigados pola Garda Civil cometéronse na parroquia de Campaña. O primeiro deles perpetrouse o día 19 de xaneiro cando subtraeron diversos aveños do interior da vivenda, valorados en case 400 euros. 

No segundo, cometido apenas unha semana despois noutra vivenda da mesma zona, levaron un baúl de madeira "que gardaba unha importante cantidade de chaves de varios inmobles", concretaron as mesmas fontes. 

As investigacións levadas a cabo polo Equipo de Investigación da Compañía da Garda Civil de Vilagarcía e efectivos do Posto de Valga centráronse na contorna veciñal e chegaron á identificación dunha veciña que foi detida como presunta autora dos dous roubos. 

No momento da súa localización, esta persoa tiña "unha ferida profunda" no antebrazo, explica a Benemérita, "que foi determinante para a súa detención, tendo en conta de que nunha das vivendas se atoparon os cristais rotos dunha fiestra e restos de sangue no chan". 

A detida foi posta en liberdade coa obrigación de comparecer, cando sexa requirida, no xulgado de Instrución de garda de Caldas de Reis, onde foron entregadas as dilixencias.

Comentarios