Detido un veciño de Caldas por comprar teléfonos móbiles con documentación falsa

Son dous os casos esclarecidos ata o momento, informou o Instituto Armado

Un veciño de Caldas de Reis de 44 anos foi detido por efectivos da Garda Civil de Sanxenxo acusado dos delitos de estafa e falsificación de documentos por utilizar documentación falsificada para comprar varios teléfonos móbiles a nome doutras persoas. Son dous os casos esclarecidos ata o momento, informou o Instituto Armado. Así, relatou que o primeiro deles produciuse o mes de xuño do ano pasado cando esta persoa comprou a través de Internet un terminal a nome dun veciño da Guarda que era titular dunha liña de telefonía móbil, marcando como punto de recollida unha tenda de Sanxenxo.

A estafa materializouse cando recolleu o móbil en Sanxenxo co DNI do verdadeiro titular da liña, ao que lle colocou a súa propia fotografía e alterou a data de nacemento, para que fose máis acorde coa súa propia fisionomía. Meses máis tarde o titular da liña recibiu un cargo polo importe do teléfono e presentou denuncia ante a Garda Civil. As pescudas realizadas polos efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Sanxenxo levaron á identificación do presunto autor, ao que tamén se lle atribúe outro feito similar cometido o mes de decembro do ano pasado en Cambados.

Nesta ocasión presentou un DNI falsificado cos datos persoais dun veciño de Vedra (A Coruña), pero coa súa propia fotografía, dando lugar a que, nun principio, se lle atribuíra a esta persoa a estafa. Finalmente, indica a Benemérita, púidose pescudar que se trataba da mesma persoa que se investigaba.

DOUS DELITOS. As investigacións levadas a cabo no marco da denominada Operación Movile, concluíron coa detención deste veciño de Caldas de Reis como presunto autor de dous delitos de estafa en concurso medial con outro delito de falsificación de documento público.

O modus operandi era moi similar en todos os casos. En concreto, conseguía documentos persoais das súas vítimas e, tras inserir a súa propia fotografía e cambiar a data de nacemento máis acorde á súa idade, solicitaba online a adquisición dos terminais telefónicos para ser recollidos na tenda co documento falsificado e co nome do titular da liña. Os feitos investigados foron postos en coñecemento do xulgado de garda de Cambados.

Estes feitos propiciaron que a persoa estafada "non se decate do sucedido ata que non recibe o cargo da operadora", avisa o Instituto Armado.