Dous detidos con drogas e armas en Caldas de Reis

No rexistro da vivenda, próxima a un centro de ensino, atopáronse distintas cantidades de haxix e marihuana 
Incautación en Caldas. GC
photo_camera Drogas, diñeiro e armas incautadas en Caldas. GC

Dous homes foron detidos e comisados medio quilo de haxix e outro medio quilo de marihuana nunha vivenda do municipio pontevedrés de Caldas de Reis, segundo informa a Garda Civil.

Os dous individuos, de 58 e 52 anos, foron arrestados nunha operación que comezou en agosto pasado logo da detección dun punto de venda de drogas nas inmediacións dun centro escolar da citada localidade.

Na operación, denominada Jarangún, a Garda Civil documentou a frecuente trasfega de drogodependentes nun domicilio de Caldas que estaba a xerar certa alarma social entre os veciños e a comunidade educativa.

Tras autorizar o xulgado a entrada na vivenda, os axentes detiveron ás dúas persoas e incautáronse da droga, ademais de básculas de precisión e útiles para o corte, envasado e almacenaxe.

Así mesmo, comisaron unha escopeta de repetición simulada, un fusil de asalto de airsoft e unha pistola de aire comprimido, 11.500 euros en efectivo, tres teléfonos móbiles e dous computadores portátiles.

Os detidos foron postos a disposición xudicial ante o xulgado de instrución 2 de Caldas de Reis, que ordenou a súa posta en liberdade con cargos coa obrigación de comparecer cando sexan requiridos.