A Deputación de Pontevedra prevé redobrar a súa aposta polos viveiros de empresas

O ente provincial firma un acordo coa Fundación Roberto Rivas 

Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Carmela Silva, este martes en Lalín xunto a Xosé Crespo e Olga Rivas. EFE

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, avanzou este martes o novo de dinamización dos viveiros de empresas, que buscará "redobrar" o compromiso da institución "para que de aquí a nada non haxa nin naves nin oficinas baleiras" na provincia. Así, anunciou un convenio coa Fundación Roberto Rivas para pór en marcha un programa de emprendemento no rural e un concurso de ideas centrados na comarca do Deza.

Todo iso abordouno Silva durante a súa visita ao viveiro do municipio de Lalín xunto ao alcalde, Xosé Crespo. Desde alí, a presidenta destacou o rol destas iniciativas "como unha ferramenta fundamental de apoio á creación do tecido empresarial na provincia".

A presidenta da Deputación de Pontevedra detallou que o novo plan dará participación "ao coñecemento das persoas": "A intelixencia está fóra e queremos contar con ela". Para iso, realizarase un labor de divulgación a través de vídeos que mostren o desenvolvemento dos proxectos que nacen nos viveiros de Lalín e Barro para presentalos como "espazos de atracción para impulsar ideas emprendedoras".

Por parte da Fundación Roberto Rivas, a súa directora, Olga Rivas, compareceu por videoconferencia para explicar que o convenio co goberno provincial consiste nun importe de 30.000 euros --12.000 da Fundación e 18.000 da Deputación-- para impulsar o emprendemento e novos proxectos na comarca do Deza.

Así, Carmela Silva mostrou o seu "orgullo" de poder traballar con esta entidade, "que tanto está a traballar para impulsar as contornas rurais, para xerar oportunidades e loitar contra o despoboamento, garantindo o benestar da cidadanía a través de sociedades conectadas e innovadoras".

Un plan en tres fases

Este programa, destinado a iniciativas de nova creación e ás que estean xa en funcionamento, terá tres fases, tal e como detallou a presidenta: unha primeira para seleccionar cinco proxectos; unha segunda, de seis meses, para o seu desenvolvemento; e unha terceira de 'Demo Day', ademais de sesións formativas de habilidades emprendedoras, modelos de negocio e plans de comunicación, entre outras materias.

En canto á campaña de promoción, a Deputación convocará un concurso de ideas entre o alumnado e antigo alumnado de ciclos formativos -Comunicación, Imaxe e Son, Artes Gráficas e Comercio e Mercadotecnia, Belas Artes, Comunicación Audiovisual e Relacións Públicas- da Universidade de Vigo. A iniciativa gañadora, que pode ser individual ou grupal, recibirá unha bolsa de 2.000 euros.

Pola súa banda, o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, agradeceu la aposta da Deputación polo viveiro do municipio. "E máis nun momento como o que estamos a vivir, no que todas e todos estamos moi preocupados, cunha nova realidade que temos que afrontar", valorou.

Comentarios