Bisneto de Barriga Verde

Diversión con "durabilidade eterna"

Guillermo Rocha elixiu o apelido do seu bisavó, José Silvent, creador do mítico personaxe de títeres, para darlle nome ao seu obradoiro de xoguetes de madeira. Artesanía Silvent, con taller en Portas, comezou en 2013 para entreter ao seu fillo e hoxe ten uns 40 modelos, algúns colocados en mercados internacionais
Guillermo Rocha, no seu taller de Romai. CEDIDA
photo_camera Guillermo Rocha, no seu taller de Romai. CEDIDA

Traballou nunha carpintería de fabricación de cociñas ata que en 2012 a crise o obrigou a buscar alternativas. A saída atopouna no seu fillo, nado un ano antes. "Sempre estaba reparando nos xoguetes de plástico del, así que empecei a facerllos de madeira". O que nun principio foi anecdótico, acabou converténdose na súa profesión, a de artesán. Comezou a deseñar e crear os seus propios xoguetes en 2013 e dende o ano pasado dedícase plenamente a elo, baixo o selo Artesanía de Galicia. Guillermo Manuel Rocha Silvent é o fundador de Artesanía Silvent, marca que vén de participar por primeira vez na feira de decoración e deseño London Design Fair, celebrada a pasada fin de semana.

Xogo do Camiño de Santiago creado por Guillermo Rocha. CEDIDAGuillermo vive en Caldas de Reis, pero ten o taller na casa de súa nai, en Romai (Portas). "Empezamos con catro modelos", explica, falando en plural, porque no proxecto inclue á súa muller e ó seu fillo Xabier. A primeira é a súa principal crítica e o segundo "é quen os proba. Agora ten oito anos e segue pedindo que lle faga un cada vez que saco modelo novo", apunta o artesán. Un camión cisterna, un Fórmula 1 antigo, outro moderno e un coche triangular especialmente pensado para as crianzas que comezan a andar, foron as súas primeiras pezas. Agora ten 40 diferentes. Avións, camións da madeira, pisonadoras, tractores, Conecta Cuatro, Tres en Raia, dianas, ábacos e mesmo xogos do Camiño de Santiago –na imaxe anexa– e do Camiño Portugués son parte da súa gama.

Guillermo atende tamén encargos personalizados. Ten feito maquetas, unha casa cubo para unha obra de teatro, regalos para vodas e mesmo un soporte para unha cámara de Stop Motion. "Gústame o que fago e pasoo ben", asegura. A maioría dos seus clientes atópaos en feiras e o pasado xaneiro deu o seu primeiro chanzo ó mercado internacional coa presenza dous seus xoguetes na profesional de decoración Formex, en Estocolmo. A raíz dese evento, enviou dous dos seus camións para tendas especializads de Noruega. "Isto supón darme a coñecer fóra. Aquí o xoguete de madeira non está moi valorado, vén moito de fóra, porque en Galicia non hai moito quen se dedique a elo", explica.

Xogo creado por Guillermo Rocha. CEDIDA (2)

"O bonito dos xoguetes de madeira é que a durabilidade é eterna. O plástico rompe e tes que tiralo. A madeira sempre se pode reparar. É o que lle quero transmitir á xente", di. A materia prima que utiliza Silvent é pino país (que merca nun serradeiro preto da casa), chapa mariña en bidueiro e faia ou carballo. "O xoguete de plástico ten saída porque é barato. O feito a man, gusta, pero o problema é o prezo", indica. Porén, hai que pensar na conservación dun e doutro. "O meu fillo machácaos e tenos como o primeiro día, porque resisten", sinala.

Guillermo é bisneto de José Silvent, creador do personaxe de títere Barriga Verde, máis el, cando menos polo momento, non ten pesando adentrarse no mundo dos monicrecres. "Gústame o que estou facendo agora. O nome Artesanía Silvent elixino para aportar un gran de area, porque o apelido Silvent acaba en min", lamenta.

Xogo creado por Guillermo Rocha. CEDIDA

Comentarios