O dúo As Lerchas abrirá o día 24 na Estrada o programa das festas patronais

Cartel de las fiestas de A Estrada. CONCELLO
photo_camera Cartel das festas da Estrada. CONCELLO

As festas patronais da Estrada comezarán o día 24 de xuño co pregón a cargo do dúo As Lerchas, ás 13.00 horas na Praza do Mercado. No programa figura o día de San Paio (o 26) e do Santísimo (o 27).

Os actos relixiosos celebraranse ás 20.00 horas, seguidos da procesión, na que non faltará a música. Son catro as bandas que actuarán: a Municipal e a Cultural da Estrada, da Brilat e a Municipal de Silleda.

Non faltará o espectáculo dos fogos artificiais. As actividades non poderán prolongarse máis aló da unha da madrugada, en cumprimento da normativa.

Uns días antes, o 19, celebrarase o tradicional encontro anual da Asociación de Fillos e Amigos da Estrada. Non haberá recepción na casa consistorial nin tampouco a concesión de galardóns e a cea de confraternidade.

OFRENDA. O acto será breve e a súa finalidade é a de sempre nas datas patronais, compartir unha xornada de reencontro.

Ás 12.00 horas serán recibidos os participantes diante da casa consistorial e a continuación farán unha ofrenda floral en recordo de Marcial Valladares e dos membros da asociación falecidos.

A continuación, falará o presidente do colectivo, Ramiro Varela, e o alcalde da Estrada, José López, e despois desprazaranse á igrexa (13.00 horas) para participar nunha misa.

Comentarios