Emerxencias de Cuntis e medios da Xunta sufocan un incendio en Caldas

O lume comezou na parroquia de Segade e avanzou durante a madrugada ata chegar a Paradivas

2019071011535844274
photo_camera Un veciño alertou do lume, que comezou a media noite deste martes. CEDIDA

Eucaliptos, piñeiros e maleza foron pasto das chamas nun incendio forestal rexistrado no municipio de Caldas de Reis durante a madrugada do día 9. A alarma saltou pasados 15 minutos das 24.00 horas, cando o Servizo Municipal de Emerxencias (SME) recibiu a chamada dun veciño advertindo de que o que estaba a suceder, indica o seu responsable, Miguel Ángel Couto.

Pouco despois, a participación do SME foi solicitada pola Central de Incendios, polo que se desprazaron ata o lugar tres efectivos cunha motobomba, para tratar de frear o avance do lume por un das súas frontes e un lateral do mesmo.

REFORZOS. Non tardaron en chegar reforzos desde Troáns (Cuntis), de Medio Rural, e máis tarde fixérono os de Pontevedra. A Policía Local de Caldas de Reis tamén participou no operativo, e a actuación conxunta fixo posible que o incendio queda extinguido pasadas as catro da madrugada.

Non foi nada doado traballar, sinalou Couto, porque á escasa visibilidade sumáronse outras circunstancias negativas: a orografía do terreo, caracterizada pola súa pronunciada pendente, e a abundancia de pedras. Un factor que xogou ao seu favor foi a ausencia de vento. O responsable do SME de Cuntis sinalou que o río eliminou calquera posibilidade de que resultase afectado Segade, e o lume chegou a situarse a menos de 800 metros das casas de Paradivas.

Non foi unha noite de tormenta, polo que non pode achacarse a un raio a orixe do incendio, mantén Couto. O responsable do SME ten absolutamente claro que a responsabilidade desta urxencia estriba na acción dunha persoa que coñece moi ben a contorna onde actúa, como sucede coa maior parte dos lumes que se producen na comarca Ulla-Umia.

Para argumentar esta conclusión recorda que o pirómano busca lugares de difícil acceso, como sucedeu recentemente en Cuntis co incendio rexistrado na mañá do día 30 de xuño e agrega que sempre actúa a medianoite, cando non é posible o uso de medios aéreos para combater o lume. Ademais, faino pasada a festa de San Xoán, para evitar a vixilancia intensiva que se realiza nos días previos a esta celebración, e na segunda quincena de agosto.

Comentarios