Equina esperta o interese dun grupo de gandeiros de Estados Unidos

O evento celebrarase no recinto da Feira Internacional de Silleda e no programa figuran cinco competicións
photo_camera Competición nunha edición anterior de Equina. CEDIDA

A sétima edición de Equina celebrarase entre os días 30 de xullo e 1 de agosto no recinto da Feira Internacional de Galicia (Silleda), que se converterá en escenario de cinco competicións nas que participarán destacados exemplares das mellores ganderías nacionais.

Organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia, no programa figura o Campionato de España Pura Raza Española de Galicia. Esta proba, que se levará a cabo durante os tres días de Equina, será clasificatoria para a final do Campionato do Mundo, cuxa disputa está prevista do 16 e o 21 de novembro en Sevilla, no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española. Os cinco primeiros participarán directamente.

O campionato será emitido a través da páxina web da Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española. Esta entidade volverá estar presente cunha caseta promocional e o seu presidente, Juan José Morales, acudirá ao evento.

Equina 2021, cuxa entrada volverá ser gratuíta e contará con todas as medidas establecidas polas autoridades sanitarias para previr a covid-19, acollerá outras catro competicións.

Tres delas serán de doma clásica, a XXIII Copa Accega, o Territorial e o III Trofeo Xunta de Galicia de Doma Clásica.

Nesta ocasión sumarase ao programa a celebración dunha das cinco xornadas clasificatoria para a Copa Galega de Enganches, organizada pola Federación Galega, que reduciu o número de probas, seleccionado para elas os mellores espazos.

Equina contará coa presenza dunha delegación de gandeiros estadounidenses interesados en presenciar os concursos para coñecer os exemplares en competición. A calidade dos animais e o prestixio das ganderías converteron a Equina nun referente para o mundo da pura raza española, que suscitou o seu interese para establecer relacións comerciais.

Comentarios