A Escola de Música de Caldas estrea o seu novo edificio de carácter multifuncional

A Deputación fixo unha inversión de 913.000 euros nun inmoble cun deseño arquitectónico vanguardista que é un fito para a vila termal
A nova instalación, con 1.350 metros cadrados, dará servizo a toda a comarca. DP
photo_camera A nova instalación, con 1.350 metros cadrados, dará servizo a toda a comarca. DP

A Escola de Música de Caldas de Reis, que celebra este ano o seu vixésimo quinto aniversario e acolle a 150 nenos, fixo este xoves a estrea da súa nova sede no edificio construído polo Concello cun orzamento de 913.000 euros financiados enteiramente pola Deputación de Pontevedra con cargo ao Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos. Un edificio multifuncional, posto que tamén acollerá diversos servizos municipais, cun deseño arquitectónico vangardista e que xa é un fito para a vila termal.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, Juan Manuel Rey, inauguraron unha dotación que dará servizo a toda a comarca, con 1.350 metros cadrados distribuídos en dous andares. Non só acollerá ao alumnado que cursa estudos musicais, senón tamén varias oficinas e servizos de interese público.

Carmela Silva expresou a súa felicidade por poder inaugurar un inmoble que cualificou como un "contenedor cultural que é marabilloso e merecedor de premios de arquitectura", polo que felicitou expresamente ao equipo redactor. Destacou que a obra permitiu crear, a maiores, unha praza con espazo para as persoas, ordenando así o territorio, e puxo contexto histórico lembrando que todo isto é posible porque a Deputación puxo en marcha o Plan de Reequilibrio para financiar dotacións e equipamentos en concellos de menos de 20.000 habitantes.

Juan Manuel Rey destacou que "cada vez que unha vila ten a posibilidade de inaugurar unha infraestrutura como esta, que con medios propios é imposible abordar, hai que dalas gracias". Explicou que tiña grande interese en celebrar este acto coincidindo co 25º aniversario desta Escola de Música que o Concello xestiona directamente, e da súa Banda de Música, "un plus moi grande para o pobo", rematou o alcalde.

Comentarios