A Estrada abre unha conta a través de Cáritas para a familia Neira Iglesias

Estará dous meses operativa para recibir donativos que a axuden a refacer a súa vida tras perder casa e negocio nun incendio
Manuel Neira (derecha), junto al alcalde de A Estrada y a una representante de Cáritas. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera Manuel Neira (dereita), xunto ao alcalde da Estrada e unha representante de Cáritas. PATRICIA FIGUEIRAS

O 10 de outubro de 2019 marcou a historia da familia estradense Neira Iglesias. Ese día o matrimonio e os seus dous fillos perdérono todo. Un virulento incendio arrasou a súa vivenda e o taller anexo, deixándoos co posto. De inmediato sucedéronse as mostras de solidariedade e apoio de veciños e coñecidos. Os primeiros iniciaron unha campaña de recadación de fondos e nos últimos días xurdiron tamén outras iniciativas similares de ámbito máis particular. Este mércores, o Concello anunciou a apertura dunha conta bancaria a través de Cáritas Parroquial para que toda persoa interesada poida achegar o seu gran de area. 

Os ingresos poden facerse en persoa nunha oficina de Abanca, ou por transferencia, indicando no concepto "Axuda familia Neira Iglesias de Berres". O número de conta é: IBAN ES50 2080 5031 2030 4004 0630. Estará aberta durante uns dous meses. A partir de entón "faremos a entrega do recadado e cancelarémola", explicou o responsable de Cáritas Parroquial A Estrada, José Manuel Vázquez, nunha rolda de prensa xunto a outra compañeira do colectivo; o alcalde, José López; e o pai de familia afectado, Manuel Neira Ferro.

Neira acepta "calquera posto de traballo, sexa do que sexa"

"Á parte disto, se eles o necesitan, podemos axudalos en calquera outra cousa", engadiu Vázquez dirixíndose a Neira. Éste, contendo as bágoas, explicou que intenta "tirar para adiante pola familia", pero recoñeceu que "eu só non dou arrincado", dixo antes de agradecer a axuda de veciños e Concello "porque sei que se están volcando". O rexedor admitiu sentirse "orgulloso" pola "solidariedade dun pobo que demostra altura de miras" cos xestos de apoio á familia. 

UN TRABALLO. Neira é chapista e pintor. Fáltanlle uns dous anos para xubilarse e, tras perder o seu taller no incendio, acepta "calquera posto de traballo, sexa do que sexa", di. Precisamente, un mecánico que acaba de pechar o seu taller na Estrada púxose en contacto co Concello para ofrecer gratuitamente as súas instalacións e que Neira poida retomar a súa actividade. 

A familia trasladou a súa residencia á casa paterna de Neira, propiedade agora dunha irmá. Os estudos técnicos para avaliar a situación en que quedou a vivenda ardida están próximos a rematar.

Comentarios