A Estrada presenta o Capón dás Quintás, criado de forma ecolóxica e en semiliberdade

Silverio Otero inicia o proxecto grazas a RR_dTerritorio, unha iniciativa da Fundación Roberto Rivas
Un capón. PIXABAY
photo_camera Un capón. PIXABAY

Aos moitos produtos de gran calidade que teñen como orixe o Concello da Estrada haberá que engadir moi pronto os capóns. Silverio Otero é un emprendedor que non ten medo á aventura. Curtiuse na emigración e no duro oficio das cociñas. Agora regresa á aldea de Codeseda para ofrecer un exquisito manxar: O Capón das Quintás.

A aldea dos seus maiores, na parroquia de Codeseda, servirá como punto de partida dese novo soño que lle acompaña desde hai tempo. Primeiro debe ter preparada toda a infraestrutura e logo iniciará a carreira de crianza para que o produto chegue puntual á cita do Nadal. Espera poder ofrecer ao mercado un centenar de exemplares. De momento, está a experimentar cuns poucos animais.

O proxecto céntrase nun ambiente rural e ecolóxico, un amplo espazo destinado única e exclusivamente para a cría de capóns en semiliberdade. Inicialmente trátase de obter cativas de galiña de Mos, unha variedade autóctona de Galicia, para posteriormente caparlos e crialos dun xeito moi determinado, para obter un produto premium. A iniciativa inclúe tamén o proceso de sacrificio e comercialización das pezas, orientada tanto ao mercado local como ao internacional. En resumo, este negocio baséase na crianza ecolóxica e tradicional de capóns.

FORMACIÓN. Para facer realidade este interesante proxecto, Silverio Otero participa no programa RR_dTerritorio, unha iniciativa da Fundación Roberto Rivas que ten como obxectivo detectar o talento local e impulsar proxectos de emprendemento capaces de dar resposta ás necesidades de desenvolvemento das comarcas do interior de Galicia.

Os emprendedores seleccionados participan desde principios do pasado mes de xaneiro nun programa de incubación 100% experiencial que se caracteriza por estar conectado ao territorio e á súa realidade. Ademais, un dos puntos que diferencia a esta iniciativa doutras é que o equipo de formadores e mentores son emprendedores, persoas cunha ampla experiencia e traxectoria no desenvolvemento de ideas e negocios, algo que servirá de gran axuda aos novos emprendedores.

A formación teórica combínase con dinámicas prácticas, talleres e actividades de contacto co territorio a través da colaboración establecida coas empresas, axentes sociais e asociacións das comarcas.

O programa de incubación presencial desenvolverase ata mediados do próximo mes de abril nas instalacións do viveiro de empresas situado no Concello de Silleda. Durante este tempo acompáñase aos emprendedores no proceso de xestación das súas ideas e proxectos; facilítase totalmente o acceso á formación e tecnoloxía; transfírese experiencia e coñecemento; e achándase o camiño ao financiamento público e privado.

Comentarios