Falece unha caldense nun accidente na AP-9 en Portas

Investigan as causas do sinistro no que pereceu a vítima, de 43 anos, no que se viron implicados o turismo que conducía e un camión

Accidente en Portas. DAVID FREIRE
photo_camera Accidente en Portas. DAVID FREIRE

María Belén Jamardo Lusquiños, veciña de Bemil (Caldas de Reis), de 43 anos, perdeu a vida este venres nun accidente na autoestrada AP-9 ao seu paso por Portas no que se viron implicados o vehículo que conducía e un tráiler. O sinistro ocorreu ás 13.30 horas, no quilómetro 112, nas proximidades do Viaduto de Portas, en sentido Pontevedra.

Segundo fontes de Urxencias, o condutor do camión, un veciño do Pino (A Coruña) que resultou ileso, relatou que viu como o vehículo que conducía a muller, un Seat Toledo, impactou contra a varanda e, tras dar voltas de campá, terminou no medio do carril dereito. O transportista indicou tamén que a condutora saíu do coche polo seu propio pé e que, a pesar de que el intentou esquivar o turismo, non puido evitar impactar contra o mesmo coa esquina do seu camión, que, segundo o seu relato, desprazou o coche, que á súa vez golpeou á muller, que acabou despedida contra o valo protector da autoestrada. En todo caso, a Garda Civil mantén aberta unha investigación para esclarecer o sucedido.

Ao lugar desprazouse unha ambulancia do 061 con persoal médico da PAC de Caldas de Reis que, á súa chegada, só puido certificar a morte da muller. O levantamento do cadáver produciuse pasadas as tres da tarde.

A causa do accidente, un dos carriis da autoestrada permaneceu cortado durante unhas tres horas. Efectivos do GES de Valga, dos Bombeiros de Vilagarcía, de mantemento da Autoestrada e varias patrullas de Ateigados e da Garda Civil traballaron no lugar. A vítima, que deixa fillos, traballaba no servizo de limpeza do Hospital do Salnés e era coñecida en Caldas de Reis, onde exerceu como camareira.

Comentarios