Ferida unha moza rescatada dun turismo que se saíu da vía na Estrada

O vehículo sufriu o sinistro cando circulaba pola N-640, ao seu paso por Matalobos

Unha moza resultou ferida nun accidente de tráfico rexistrado este venres pola mañá no municipio da Estrada, tras o que a moza tivo que ser rescatada. 

Segundo informou o 112 Galicia, minutos antes das 9.00 horas deste venres tivo lugar un accidente de tráfico no que foi necesario aplicar os sistemas de excarceración para liberar a unha muller atrapada nun turismo. O vehículo sinistrado saíuse da vía cando circulaba pola N-640, ao seu paso por Matalobos. 

Ver máis: Morre un operario tras caerlle encima un poste na Estrada

Como consecuencia do impacto, a muller quedou atrapada no interior do coche e foi necesaria a intervención dos equipos de urxencias. Así, por parte do 112 Galicia avisouse ao GES da Estrada, así como aos Bombeiros do Deza e á Garda Civil de Tráfico co fin de coñecer todos os detalles do accidente. 

A primeira intervención dos efectivos do servizo de urxencias da localidade facilitou a liberación da ferida para o seu posterior traslado a un centro hospitalario. Deste xeito, descartouse a intervención dos equipos do parque comarcal do Deza. 

Ao lugar o 061 enviou unha ambulancia de soporte vital básico e un equipo sanitario de Atención Primaria da Estrada para atender á muller N.I.M., de 25 anos de idade, que foi trasladada ao Hospital Clínico de Santiago, confirmaron a Europa Press fontes sanitarias.