Ferido un menor ao chocar a súa bici contra un turismo en Valga

O ciclista foi trasladado ao hospital Clínico de Santiago

Un menor foi evacuado a un centro hospitalario ao resultar ferido na noite deste pasado mércores logo de chocar a bicicleta na que circulaba e un turismo no municipio de Valga. Segundo informou o 112 Galicia, a colisión entre a bici e o coche causou lesións de diversa consideración ao ciclista, menor de idade, que foi trasladado ao Hospital Clínico de Santiago de Compostela. 

O 112 Galicia tivo constancia deste sinistro ás 21.15 horas deste mércores a través da chamada dunha persoa particular que situou o accidente na N-550, á altura da Igrexa de Setecoros, en Valga. 

Ata o lugar desprazáronse profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como axentes da Garda Civil de Tráfico e membros do GES de Padrón. En concreto, o 061 enviou unha ambulancia de soporte vital básico que trasladou ao menor ferido ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.