Catro feridos en dous accidentes ocorridos na Estrada

Os sucesos ocorreron a noite do sábado e a madrugada do domingo

Un accidente entre dous turismos deixou esta madrugada dúas persoas feridas e foi necesario, ademais, o uso do material de excarceración dos membros do GES da localidade para liberar aos dous feridos do interior dos vehículos. Sobre as 3.30 horas, unha persoa particular informou ao 112 Galicia dun accidente entre dous vehículos, na PO-841, á altura de Baloira, no concello pontevedrés da Estrada.

Nada máis recibir o aviso, desde o Centro de Atención ás Urxencias (CIAE) 112 Galicia alertouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Deza e aos membros do GES e de Protección Civil da localidade. Tamén se solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico que, enseguida, dirixíronse ao lugar.

Unha vez no punto, os membros do GES confirmaron a excarceración dos dous feridos, que foron trasladados polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia. Ata o lugar, tamén se desprazou persoal do servizo de mantemento da estrada que se encargou das tarefas de limpeza da vía.

COUSO. Tamén, na mesma localidade, sobre as 22:00 horas deste sábado, ocorría outro accidente con tres vehículos implicados, na PO-541, punto quilométrico 13, en Couso e dúas persoas resultaron feridas. O 112 Galicia tivo constancia do suceso, grazas á chamada dunha persoa particular.

Tras o aviso, o 112 Galicia alertou á Garda Civil de Tráfico, aos membros do GES e de Protección Civil da localidade e ao persoal do servizo de mantemento da vía. O Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou ao 112 Galicia o traslado das dúas persoas feridas ao centro hospitalario de referencia.