Catro feridos nun choque en cadea na AP-53 que obrigou a cortar a autoestrada

O suceso produciuse en Orazo debido á forte granizada que estaba a caer

Accidente en la AP-53. BOMBEIROS
photo_camera Accidente na AP-53. BOMBEIROS

Catro persoas resultaron feridas, en principio, non de gravidade, nun choque en cadea con cinco turismos implicados na AP-53 á altura da parroquia estradense de Orazo.

As causas do incidente parecen estar relacionadas coa forte granizada caída nese momento na zona e que deixou o firme da autoestrada cuberto de branco.

Os vehículos sufriron danos de consideración, aínda que ningún dos seus ocupantes quedou atrapado. Un particular deu o aviso do accidente ao 112 ás 14.08 horas.

Ao lugar desprazáronse os Bombeiros con base en Silleda, que regularon o tráfico ata a chegada dos axentes da Garda Civil. A autoestrada foi cortada ao tránsito e os usuarios desviados na saída da Bandeira.

O accidente ocorreu á altura do quilómetro 24 en dirección Santiago de Compostela e provocou importantes retencións. No punto tamén traballou persoal de mantemento da autoestrada e do 061, que mobilizou unha ambulancia. Efectivos de Emerxencias A Estrada chegaron igualmente ao lugar, pero non foi precisa a súa intervención.