martes. 17.09.2019 |
El tiempo
martes. 17.09.2019
El tiempo

A Festa do Porquiño converterá a Amil no destino de miles de comensais

Festa do Porquiño á Brasa. RAFA FARIÑA
Festa do Porquiño á Brasa. RAFA FARIÑA
O programa de actividades iníciase o sábado cunha nova edición do concurso de xogos tradicionais

A Festa do Porquiño á Brasa volverá reunir este fin de semana en Amil a miles de persoas. A festa gastronómica, que organiza a Asocación Cultural Gastronómica Cultura, terá lugar o día 25 na Carballeira dos Milagres da Chan.

O programa de actividades iníciase o sábado cunha nova edición do concurso de xogos tradicionais, como carreiras de zancos ou de sacos, ás 17.00 horas.

A partir das 22.00 horas nos locais de hostalería da parrqouia morañesa comezará a cea para aqueles que a reservaron previamente.

Ás catro da madrugada do día 25 será acendido o lume das machadas de carballo para o asado. Os pasarúas comezarán ás 11 horas e correrán a cargo da formación Airiños da Fracha de Ponte Caldelas para dar paso a continuación á apertura de sétima Feira Artesanal, que se desenvolverá na Carballeira.

Como sucedeu en anos anteriores, ás 12.00 horas, dará comezo un taller infantil de manualidades, a cargo do grupo Gaia, de Poio e, ás 12.45, o grupo de música e baile tradicional Seixebra, de Moraña, ofrecerá unha actuación.

Ás 14.00 horas realizarase o sorteo dos lotes e, podo despois, comezará a comida. Aqueles que queiran participar poden realizar a reserva na oficina de Abanca de Moraña. Son 55 os lotes. O prezo é de 300 euros e consta dun menú para 20 persoas cos utensilios necesarios.

Un porquiño, de entre 14 e 16 quilos de peso, dúas empanadas de 1,5 quilos cada unha, 12 botellas de viño tinto Barrantes, seis de auga, dúas bolas de pan, o mesmo número de bicas e café de pota con pingas de augardente compoñen o menú.

Ás 17.00 horas haberá outra sesión de xogos tradicionais e a entrega de premios, e ás 21.00 finalizará a festa.

A Festa do Porquiño converterá a Amil no destino de miles de comensais
Comentarios