Finalizada a rehabilitación integral da igrexa de Donramiro en Lalín

As obras, cunha investimento de máis de 177.000 euros, permitiron recuperar a imaxe orixinal do santuario

El conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitó este sábado la iglesia de Donramiro. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera O conselleiro de Cultura nunha visita á igrexa de Donramiro. PATRICIA FIGUEIRAS

A Xunta de Galicia finalizou a rehabilitación integral da Igrexa de Santa María de Donramiro, situada en Lalín, tras o investimento de máis de 177.000 euros nunhas obras que permitiron recuperar a imaxe orixinal do santuario. A actual igrexa é o resultado de diversas modificacións do templo orixinal románico, entre as que destaca a ampliación do século XVII. 

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, visitou a igrexa, na que se celebrou unha misa oficiada polo bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, para inaugurar os traballos patrimoniais. 

Tal e como explicou o conselleiro, o obxectivo da intervención foi a cambiar a cuberta por unha nova, recuperando así a imaxe orixinal do templo que se viu desvirtuada coa intervención realizada no século XX, cando se cambiou a antiga cuberta de madeira da nave por unha bóveda de ladrillo. "Estamos a falar dunha actuación ambiciosa, que conseguiu pór en valor esta xoia do patrimonio arquitectónico da comarca de Deza", asegurou Román Rodríguez. 

As intervencións consistiron na demolición da cuberta actual, incluída a bóveda de ladrillo do século pasado, e a instalación dunha nova cuberta en madeira de castiñeiro. Así mesmo, tamén se desmontaron as cubertas da cabeceira, aproveitando a estrutura de madeira que se atopaba en bo estado. O acabado é de tella curva sobre placas de fibrocemento gran onda. 

A obra tamén permitiu tratar a madeira, restaurar a tribuna do coro substituíndo as táboas de piñeiro por outras de castiñeiro similares ás existentes, renovar a instalación eléctrica, repicar morteiros de cemento de muros e pavimento interior para a súa substitución por morteiro de cal, e realizar unha drenaxe perimetral na zona da cabeceira.

TRADICIÓN. A Igrexa de Santa María de Donramiro aséntase nunha zona con antiga tradición de ocupación humana. Existen vestixios de que a parroquia foi fundada polo rei godo Ramiro. Con todo, non foi ata a época medieval, en torno ao século VIII, cando se asentou o nome de Donramiro. A actual igrexa de é o resultado de diversas modificacións do templo orixinal románico. 

Comentarios