Forcarei aproba a supresión da taxa de terrazas e bonificar a do lixo

Tamén se acordou reducir a dos vehículos de tracción técnica e as licenzas de taxi
Pleno celebrado en el Concello de Forcarei. CEDIDA
photo_camera Pleno celebrado onte no Concello de Forcarei.

O Pleno do Concello de Forcarei aprobou onte en sesión extraordinaria a supresión e a modificación de diferentes ordenanzas fiscais para o próximo ano. O acordo adoptouse cos votos favorables do PSdeG-PSOE e PP, e a abstención de BNG-Foro Forcarei. Concretamente, aprobouse a derogación indefinida da ordenanza que regula as taxas de terrazas, co que os hostaleiros xa non pagarán este imposto a partir de xaneiro; e diferentes bonificacións nos impostos relativos ao servizo de recollida de lixo, aos vehículos de tracción técnica (IVTM) e licenzas de taxi, cambios que tamén entrarán en vigor o 1 de xaneiro.

A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, destacou que con esta iniciativa «tentamos axudar ás familias en situación de máis necesidade do noso concello e a todas as persoas e pequenas empresas que se viron notablemente afectadas pola crise derivada da irrupción da covid-19».

O concelleiro do BNG-Foro Forcarei, Roberto Jorge Correa, anunciou que presentará alegacións ás novas ordenanzas durante o período de exposición pública, esencialmente porque considera que non deberían condicionarse algunhas bonificacións á presentación da correspondente solicitude por parte do posible beneficiario.

Na ordenanza que regula o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) rebáixase a cota a todos os contribuíntes algo máis dun 8%, reducindo dun 1,2 a un 1,1 o coeficiente aplicado sobre as tarifas establecidas no artigo 96 da Lei 39/1988 de 28 de decembro, Reguladora das Facendas Locais.

No marco das accións e obxectivos para cumprir coa Axenda 2030 e reducir a contaminación, en Forcarei bonificarase especialmente aos propietarios de vehículos eléctricos e híbridos, baixando a carga impositiva nun 75% e 50%, respectivamente. Os tractores, remolques e maquinaria con Cartilla de Inspección Agrícola continuarán, como ata agora, exentos de pagar esta taxa.

Tamén hai importantes cambios na ordenanza reguladora da taxa por servizos de recollida de lixo e limpeza coa bonificación do 100% para as persoas beneficiarias da Renda de Inserción Social de Galicia (Risga), do Ingreso Vital e de Pensións non contributivas (PNC), que xa non pagarán por este servizo. Poderán beneficiarse desta exención tamén ás pemes e autónomos afectados pola situación xerada pola pandemia da covid-19, durante o exercicio 2021 e posteriores se continuasen os efectos desta crise ou outras circunstancias similares. Neste caso, a bonificación deste imposto debe ser solicitada polos interesados.

Finalmente, aprobouse a modificación da ordenanza que regula a taxa por licenzas de taxis e vehículos de aluguer. Así, a partir de agora quedarán exentas de pagar o tributo específico por cada nova concesión ou transmisión, por cada autorización para cambio de vehículo e por cada revisión as persoas afectadas pola covid-19.

Comentarios