Forcarei celebrará o seu I Concurso de Tapas o vindeiro xuño

O obxectivo da iniciativa é impulsar o consumo na hostalería da localidade
Tapas. PIXABAY
photo_camera Tapas. PIXABAY

Co obxectivo de fomentar o consumo nos establecementos de hostalería e restauración de Forcarei e dar a coñecer e impulsar a riqueza gastronómica do municipio, o Concello está a organizar o seu I Concurso de Tapas para o vindeiro mes de xuño.

A alcaldesa, Verónica Pichel, reuniuse esta semana con empresarios do sector para analizar varios detalles da iniciativa. Na xuntanza estiveron tamén a axente de desenvolvemento local do Concello, Tania Garrido, o concelleiro Jose Manuel Álvarez e o novo sarxento de Forcarei, Luis López Dapena, que asistiu para o control das medidas de seguridade fronte ao covid-19.

Cada local poderá participar cunha tapa, cun prezo 2.50 euros, e técnica de elaboración libre, aínda que se recomenda o uso de produtos de calidade característicos de Forcarei, para fomentar a utilización de materias primas propias da gastronomía da zona. O concurso será os venres, sábados e domingos, cun horario mínimo de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00 horas. O Concello entregará a todos os negocios participantes os carteis e as papeletas ou pasaportes do concurso. A elección da tapa gañadora levarase a cabo mediante votación popular. Cada cliente deberá selar o seu "pasaporte" con cada consumición en diferentes establecementos para participar no sorteo e para votar cal é a mellor tapa.

Unha vez rematado o concurso recolleranse as urnas coas papeletas e realizarase un reconto da votación e o sorteo nun acto publico na casa consistorial para coñecer os gañadores.

Comentarios