Forcarei facilita o acceso á vivenda a interesados en trasladarse ao municipio

Crea un rexistro dos fogares dispoñibles para simplificar a procura aos futuros veciños

Piso a la venta en Forcarei. DP
photo_camera Piso á venda en Forcarei. DP

O Concello de Forcarei acaba de crear un novo servizo para facilitar e promover o acceso a unha vivenda ás persoas interesadas en instalarse no municipio, unha iniciativa que nace paralela ao crecente atractivo das zonas rurais derivado das complicacións que trouxo a cohabitación co coronavirus en contornos urbanos.

A alcaldesa, Verónica Pichel, quere aproveitar esa tendencia cara aos espazos abertos e á vida ao aire libre, para que o concello figure entre as opcións que barallen as persoas que están a buscar unha vivenda e por iso é polo que o Goberno local haxa decidido crear este novo servizo.

Denominado Rexistro de Vivendas e Bens, ten como obxectivo ofrecer un servizo público e gratuíto de procura de vivenda, ben sexa en réxime de aluguer ou ben para comprar, para facilitar o acceso ás mesmas e tamén para asesorar no proceso ás persoas interesadas. Pódese acceder ao mesmo neste enlace: http://bit.ly/servizovivendaforcarei.

Deste xeito, créase unha base de datos de demandantes e de vendedores ou arrendadores. O servizo carece de personalidade xurídica propia e está configurado como un servizo municipal.

O funcionamento é moi simple. As persoas interesadas que dispoñan dunha vivenda poden incorporala ao rexistro, coa finalidade de darlle unha maior difusión. Para facelo terán que cubrir un formulario denominado Ofertantes de vivenda que poderán atopar na web do Concello, no cal autorizan á publicación dos datos do ben en cuestión, e envialo a [email protected].

Pola súa banda, as persoas que que desexen alugar ou comprar unha vivenda para trasladarse a Forcarei poderán á súa vez acudir ao rexistro para consultar as propiedades dispoñibles.

O Concello deixa claro que non se fai responsable de posibles vicios ocultos nos inmobles nin da mala fe ou malas prácticas imputables a quen firme a autorización. A súa única función é a de actuar como mediador entre as partes, sinala nunha nota informativa.

Comentarios