Forcarei entrega pantallas aos negocios que poden abrir o luns

Lalín continúa o reparto dos 9.000 lotes de mascarillas nas 3.200 vivendas do rural, diseminadas en 300 núcleos de poboación
2020050213174943017
photo_camera Verónica Pichel repartiu persoalmente as pantallas de protección. CEDIDA

O Concello de Forcarei está a distribuír pantallas protectoras e outros materiais de hixiene e seguridade fronte á Covid-19 como mascarillas e xeles hidroalcohólicos ás empresarias e empresarios que poden reactivar as súa actividade o vindeiro luns. Concretamente, a alcaldesa Verónica Pichel entregou estes artigos nos últimos días ás responsables das perruquerías e centros de estética de Forcarei e Soutelo de Montes, que poderán abrir as súas portas a clientes con cita previa.

Despois do reparto a toda a poboación de mascarillas FFP2, cirúrxicas e botes de xel hidroalcohólico, o Goberno local traballa agora en garantir que os comercios e establecementos que se vaian sumando á actividade nas diferentes fases da desescalada conten con elementos de protección necesarios para desenvolver os seus labores cos mínimos riscos de contaxio. "Queremos axudar ás empresas e a todas as veciñas e veciños para que poidan acceder aos distintos servizos en condicións de seguridade", apuntou Pichel.

LALÍN. O Concello de Lalín, pola súa banda, continúa o reparto de mascarillas polas parroquias do rural que se iniciou o pasado luns a cargo de pedáneos e traballadores municipais e que levará uns cantos días máis, dada a complexidade do operativo ao ter que distribuír 9.000 lotes (con dúas mascarillas e un folleto informativo para o correcto uso) nas 3.200 vivendas existentes nun extenso rural con poboación diseminada en máis de 300 núcleos.

O Goberno insiste na "necesaria tranquilidade" para poder facer o reparto e garante o acceso ás mascarillas a todos os veciños a través do reparto que se está realizando porta por porta no centro urbano e no rural.

Comentarios