Fundiciones Rey confirma a súa expansión no polígono da Ran de Cuntis

A empresa vilagarciá está a desenvolver un estudo para buscar a produción de silicio de calidade con baixo impacto ambiental

foto poligono 5
photo_camera Visita realizada ao polígono polo alcalde, os representantes dos organismos implicados e a empresa vilagarcía. DP

O director xeral de SEPES (Entidad Estatal del Suelo) e presidente da sociedade Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Fidel Vázquez, visitou xunto ao alcalde de Cuntis, Manuel Campos, as instalacións de Fundiciones Rey no polígono de A Ran para comentar directamente cos responsables da empresa o importante avance que supón tanto para a área industrial como para a empresa o convenio asinado esta semana con SEA e Zona Franca, segundo informou onte o Concello.

"A empresa, que desde hai xa algúns anos descartou outros emprazamentos para a súa expansión nunha decidida aposta por Cuntis, seguía moi de cerca os avances entre as administracións implicadas", engadiu este sábado nun comunicado.

Fidel Vázquez e Manuel Campos intercambiaron impresións co responsable da división comercial de Fundiciones Rey e a súa filial en Cuntis, Rey Bronze Castings, Elías Cochón Rey, que "felicitou ao alcalde polo seu tesón e constancia para sacar adiante un proxecto que, a pesar da súa demora, chega nun momento con alta demanda de solo industrial, e no que importantes empresas da contorna manteñen a súa intención de asentarse en A Ran para consolidar a súa expansión".

A empresa, que hai algúns anos descartara outros emprazamentos para a súa expansión, seguía moi de preto os avances entre as administracións implicadas

Durante a súa visita Fidel Vázquez e Manuel Campos tiveron ocasión de coñecer os avances na investigación na que está inmersa desde hai meses a filial cuntiense de Fundiciones Rey. Trátase dun "ambicioso estudo" centrado en buscar a producción de silicio de calidade con baixo impacto ambiental. É un proxecto impulsado polas tres universidades galegas xunto a centros de investigación europeos e empresas nacionais e internacionais.

SECTORIZACIÓN. O Plan de Sectorización, que esta semana viu a luz a pesar de ter sido aprobado en 2013, actuará sobre unha superficie de 325.635 metros cadrados, dos que se destinarían 200.397 a industria e 78.265 a equipamentos. A execución realizarase nunha soa etapa e a cifra de investimento, que compartirán SEA e Consorcio da Zona Franca a partes iguais, rondará os cinco millóns de euros, distribuidos entre a redacción dos proxectos e a expropiación dos bens e dereitos afectados e as obras de urbanización.

Campos Velay: "Fundiciones Rey, Metalúrxica Pazos e outras firmas de referencia no sector industrial ven nesta área a localización idónea para os seus intereses empresariais"

Fundiciones Rey é unha das empresas interesadas en ampliar as súas instalacións no polígono de A Ran, así como Metalúrxica Pazos e "outras firmas de referencia no sector industrial que ven nesta área industrial a localización idónea para os seus intereses empresariais", destaca o Concello, que ten claro que "hai un interese real das empresas por asentarse na zona industrial de A Ran e con proxectos punteiros".

Campos destacou o interese de Rey Bronze Castings  por Cuntis "nun proxecto a nivel internacional  que non fai mais que achegar un valor engadido a Cuntis e á zona industrial de A Ran,  que se reforza coa presenza de SEPES e Zona Franca", que son "o brazo inversor do Goberno de España na zona industrial de  A Ran".

Comentarios