Interceptan máis de media tonelada de ameixa ilegal na AP-9, á altura de Caldas

Os axentes déronlle o alto ao condutor tras comprobar que o vehículo circulaba cun evidente exceso de peso

Un agente junto a las almejas incautadas. GUARDIA CIVIL
photo_camera Un axente xunto ás ameixas incautadas. GARDA CIVIL

A Garda Civil incautou en Caldas de Reis máis de media tonelada de ameixa de procedencia ilegal.

Segundo informou o Instituto Armado, o marisco ía nun turismo con placa de matrícula portuguesa que circulaba cun evidente exceso de peso.

Os axentes deron o alto ao vehículo na autoestrada AP-9 ás dúas da madrugada deste martes, á altura do quilómetro 115.

Ao inspeccionar o vehículo, a Garda Civil comprobou que, tanto nos asentos posteriores como no maleteiro, levaba unha importante cantidade de sacos de ameixa, tapados con mantas, que viaxaban sen ningún tipo de documentación e nun medio de transporte inadecuado para este tipo de mercancía.

En total contabilizáronse 23 sacos que contiñan 562 quilos de ameixas de distintas clases, que foron requisadas e depositadas xunto ao vehículo, que tamén foi intervido, na unidade operativa de Gardacostas de Galicia en Vilaxoan (Vilagarcía de Arousa).

O condutor e propietario do vehículo, con residencia e domicilio habitual en Portugal, foi denunciado ante a Xunta de Galicia como presunto responsable de sendas infraccións administrativas á lei 11/2008 de Pesca de Galicia e ao real decreto 1211/1990, polo que se aproba o regulamento da lei de ordenación dos transportes terrestres.

A Garda Civil destaca que en apenas dous meses incautou na provincia de Pontevedra de algo máis de tres toneladas de ameixa ilegal, procedente de Portugal.

O pasado fin de semana incautáronse outros 1.800 quilos nas proximidades do Grove.