A Garda Civil intercepta a dous veciños de Silleda con medio quilo de marihuana nun control de estrada

A cantidade de marihuana que transportaban os mozos superaba a tenencia para consumo habitual estipulada pola lexislación vixente
Cuartel de Silleda.DP
photo_camera Cuartel de Silleda.DP

A Garda Civil investiga penalmente por un delito contra a saúde pública a dous mozos de Silleda que foron interceptados nun control de estrada con preto de medio quilo de marihuana. 

No marco das investigacións que se realizan para erradicar a venda, distribución e consumo de estupefacientes en locais de lecer e na vía pública, efectivos do Posto da Garda Civil de Silleda estableceron a semana pasada un dispositivo de control na N-525, ao seu paso por Bandeira, onde foron interceptados os dous mozos. 

Ao inspeccionar o vehículo no que circulaban, interviñéronselles 445 gramos de cogollos de marihuana, unha cantidade que excedía da tenencia para consumo habitual estipulada pola lexislación vixente. 

Foron trasladados ás dependencias oficiais do cuartel de Silleda, onde se lles notificou formalmente a súa condición de investigados como supostos autores dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.