Unha homenaxe aos xigantes e cabezudos de Caldas de Reis

As emblemáticas figuras que están presentes nas festas de Caldas son as protagonistas do cartel deste evento
2019080719324654730
photo_camera La Lonja Estudio é a empresa que se encargou de realizar o deseño do cartel. CEDIDA

A programación das Festas Patronais de Caldas de Reis, que se celebrarán entre os días 10 e 17, nada se parece á de fai unha dúas ou tres décadas, pero ao longo do seu xa dilatado historial sempre tivo unha característica común: a presenza dos xigantes e os cabezudos. Estas figuras, que igual causan medo entre os nenos como lles arrinca un sorriso, reciben o tributo que supón haberse convertido nas protagonistas do cartel anunciador.

Do seu deseño encargouse La Lonja Estudio, unha empresa da localidade formada por Ángela Bea e Diego Castelo. Con 34 anos, a primeira recorda perfectamente a súa etapa infantil e a atracción que lle provocaban estas figuras no seu percorrido polas rúas, coas súas correspondente paradas nos bares para que quen bailan con elas sobre as súas costas poidan descansar e saciar a súa sede.

A cúpula da igrexa, a ponte e as palmeiras ocupan o segundo plano dunha superficie sobre a que despunta a presenza do Papamoscas co insecto revoloteando sobre a súa lingua. "É unha homenaxe que teñen ben merecido", comenta Ángela Bea.

Cando foi presentado o programa, o alcalde, Juan Manuel Rey, afirmou que o cartel tivera tal éxito que non poucos veciños desprazáronse ata a Casa Consistorial para solicitar un exemplar e enmarcalo, o que fixo necesaria unha segunda tirada. "Ten o seu traballo, por iso estamos contentísimos", recoñecen os seus creadores.

La Lonja Estudio é unha empresa cuxas instalacións son o piso no que viven Ángela e Diego, que traballa no apartado do deseño gráfico e a rotulación, ademais de realizar colaboracións para produtoras no apartado da animación.

Comentarios