O IES Laxeiro ameaza con non iniciar as clases por falta de profesorado

O instituto Antón Losada da Estrada tampouco comezará o curso en FP ata non poder facelo "en condicións dignas" ►A brigada especial para desinfectar os colexios de Lalín xa está en marcha

Desinfección dun dos colexios de Primaria da capital dezana, este mércores. CEDIDA
photo_camera Desinfección dun dos colexios de Primaria da capital dezana, este mércores. CEDIDA

A dirección do IES Laxeiro de Lalín emitiu un comunicado ás familias dos alumnos e alumnas no que poñen sobre a mesa a escaseza de persoal no centro educativo, e polo cal, se non cambia a situación, ameaza con non iniciar o curso escolar.

"O noso sentir agora mesmo é de indignación. Levamos todo o verán traballando para que a volta ás aulas sexa o máis segura posible, pero non somos responsables do desaguisado continuo que as autoridades educativas teñen a ben realizar. Necesitamos profesorado para que as mínimas condicións de distancia se cumpran, e se non se nos concede negámonos a comezar o curso", sentencia a dirección do instituto lalinense no escrito. "Non aseguramos que día comezará o curso, polo que daremos máis información en canto poidamos a través da páxina web", conclúe.

Nunha situación similar está o IES Antón Losada Diéguez da Estrada, cuxo Consello Escolar anunciou a súa intención de non iniciar o curso nos seus nove módulos de Formación Profesional.

Así, segundo apuntou nun comunicado ás familias, a decisión tomouse pola situación das súas instalacións, que teñen un espazo insuficiente para aplicar o protocolo sanitario por culpa do coronavirus.

DESINFECCIÓN. Pola súa banda, a brigada de desinfección dos centros de Educación Primaria do núcleo urbano e do rural que o Concello de Lalín vén de poñer en marcha de xeito específico para desinfectar os patios e elementos comúns dos colexios está a desenvolver desde o martes estes traballos preventivos de xeito diario.

Unha medida esta, a da activación da brigada específica municipal de desinfección dos colexios que o alcalde de Lalín, José Crespo, lle presentou aos directores dos tres centros de Primaria do casco urbano nunha visita que cursou o pasado luns xunto co edil de Obras, José Cuñarro, e os responsables da Policía Local e de Emerxencias Lalín para ordenar os accesos aos centros educativos por terceiro día, respectando as recomendacións das autoridades sanitarias.

Así, os centros nos que se realizará a desinfección serán a Escola Unitaria de Donramiro, o CEIP Xesús Golmar, o Manuel Rivero, o Varela Buxán, o Xoaquín Loriga e o Vicente Arias de la Maza.

Na visita do luns, Crespo coordinou cos directores dos colexios do municipio os horarios en que desenvolverá os traballos esta brigada especial (que se efectuarán cando non haxa alumnos no centro ou ben cando os rapaces estean dentro das aulas para garantir a efectividade e rapidez dos traballos) que utiliza un produto desinfectante elaborado e recomendado pola empresa lalinense Proquideza, entidade especializada en temas relacionados coa desinfección e na elaboración dos produtos químicos.

O desinfectante aplícase por parte dos dous operarios que conforman esta brigada específica de desinfección nos colexios de xeito manual con mochilas automáticas nas áreas de máis contacto dos cativos como portas exteriores, pasamáns, varandas ou elementos de xogo, e tamén nos solados daquelas zonas onde máis xogan e que teñen unha área máis reducida.

Nas áreas máis grandes, como patios de gran tamaño como o do Xesús Golmar, a aplicación estase a executar mediante un fumigador tirado por un tractor, "como o que se emprega nas rúas cada dous días e que leva dúas semanas traballando de xeito continuado", indica o Concello.

Comentarios