Increméntase o número de consultas por violencia machista na capital dezana

► A Mesa Local de Coordinación fronte a Violencia de Xénero constata a necesidade de formación dos profesionais que traballan coas vítimas
Celebración da Mesa Local de Coordinación fronte a Violencia de Xénero no Concello de Lalín.
photo_camera Celebración da Mesa Local de Coordinación fronte a Violencia de Xénero no Concello de Lalín.

O número de consultas atendidas polo Concello de Lalín sobre violencia de xénero aumentou considerablemente no último ano, contabilizándose 146 consultas desde o mes de xullo ata hoxe, fronte a un total de 97 no mesmo período do ano pasado, dato que supón un incremento do 66% no rexistro da atención integral a mulleres vítimas de violencia machista.

Así se puxo de manifesto na celebración da Mesa Local de Coordinación fronte a Violencia de Xénero, activa no Concello de Lalín desde o mes de novembro de 2018. A concelleira de Política Social Paz Pérez, xunto co concelleiro de Seguridade Pablo Areán, estiveron presentes nesta mesa, na que están representadas diferentes institucións que teñen actuación en violencia de xénero coma Garda Civil, Policía Local, Colexio de Avogados, Xulgado de 1ª Instancia, Unidade contra a violencia de xénero da Subdelegación do Goberno, Servizo de Saúde, Servizo de Orientación dos institutos e Centro de Información á Muller (CIM)-Igualdade do Concello.

Na celebración da mesa, tratáronse problemáticas tanto de coordinación como de actuación en canto ao tratamento de casos de violencia de xénero. Fíxose especial fincapé en que é necesaria unha formación continua no ámbito dos profesionais que actúan coas vítimas, a sensibilización da poboación nesta problemática e da implicación da sociedade nun problema que está á orde do día. No ano 2022 contabilizáronse 49 mulleres asasinadas por violencia de xénero, e desde xaneiro do 2023 o número ascende a un total de 10.

Tamén se fixo referencia aos 37 casos activos rexistrados que hai na provincia de Pontevedra e falouse da importancia da formación que dende a Subdelegación materialízase en propostas como o Programa Director, que poden solicitar os centros educativos, e a Maleta Viaxeira, entre outros.

Na reunión estiveron presentes a xefa da unidade contra a violencia de xénero da Subdelegación do Goberno, Manuela Vilaboy Romero, o tenente de posto da Garda Civil da Lalín, Jorge Cobas, o responsable de Viogen en Lalín, Ramón Silva Donsión, o xefe de Policía Local, Pablo Pérez Asorey, a directora e psicóloga do CIM de Lalín, Teresa Rocha Blanco, o axente de igualdade Celso Taboada Lorenzo, a representante do Colexio de Avogados en Pontevedra, Carmen Silva López e o orientador do IES Aller Ulloa, Luis Pérez Méndez.

Comentarios