Investigan a un home por un incendio en Agolada que queimou 0,25 hectáreas

O incendio produciuse o pasado 22 de xuño durante unha queima de restos agrícolas nas que non se adoptaron as pertinentes medidas de seguridade

Axentes da Policía Autonómica investigan a un home como presunto autor dun incendio forestal que arrasou 0,25 hectáreas de superficie rasa no municipio pontevedrés de Agolada.

O incendio produciuse o pasado 22 de xuño e tivo a súa orixe nunha queima de restos agrícolas que esta persoa realizou sen adoptar as medidas de seguridade preceptivas.

Na súa extinción participaron un axente forestal, unha cuadrilla de Protección Civil, unha motobomba de Agolada e unha brigada do distrito forestal XVI Deza-Tabeirós.

No que vai de ano, 29 persoas foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica en relación con incendios forestais en Galicia.

Comentarios