Javier Penide será o novo director da Banda de Música de Caldas de Reis

A agrupación, creada hai máis de 15 anos, traballa nos concertos que ofrecerá durante o ano
Banda Municipal de Caldas de Reis.
photo_camera Banda Municipal de Caldas de Reis. CEDIDA

A Banda de Música Municipal de Caldas de Reis retomou a súa actividade pública o pasado sábado cunha actuación de presentación do novo director, Javier Penide, e xa traballa en novos concertos para o resto do ano. O concerto celebrouse no colexio San Fermín xa que a choiva impediu a súa celebración nas Palmeiras e foi o primeiro despois do parón de case dous anos provocado polo covid-19.

A Banda Municipal foi creada inicialmente pola Escola Municipal de Música de Caldas coa Asociación Cultural Mariñoleira hai máis de quince anos, e precisamente en agosto renovou tamén a súa xunta directiva, agora presidida pola concertino e membro da Banda Adriana Rodríguez Souto, que destaca a xuventude da maioría dos seus membros, que teñen entre 20 e 22 anos. A Banda está actualmente integrada por unhas 35 persoas, maioritariamente cun perfil moi mozo de entre 14 e 27 anos.

O novo director foi seleccionado en agosto despois dunha convocatoria pública e un proceso selectivo. Javier Penide, natural de Bandeira (Silleda), é graduado en clarinete e dirección de orquestra polo Conservatorio Superior da Coruña e amosa a súa satisfacción polo concerto de presentación e destaca que "a Banda de Caldas é un grupo moi bo e cohesionado, que permitirá medrar musicalmente, ao tempo que queremos integrar novos cativos para seguir avanzando no futuro". Penide aposta por "unha mestura entre as composicións máis clásicas e o novo repertorio que se fai actualmente".

undefined

A presidenta da Asociación Cultural Mariñoleira, Adriana Rodríguez Souto, proponse garantir continuidade e seguir traballando para "crear unión da Banda co pobo de Caldas e o concerto do pasado sábado permitiu constatar o apoio do público polo reinicio das actividades da Banda e pola súa gran sonoridade".

Así mesmo, destaca os vindeiros compromisos: "A Banda xa está traballando para os próximos concertos de Santa Cecilia e de Nadal, e esperamos continuar participando en diversos certames e nos campamentos musicais no verán, ademais do Festival de Bandas programado en Caldas para o mes de xullo".

O alcalde, Juan Manuel Rey, que asistiu xunto a diversos membros da Corporación ao concerto do sábado, amosou o seu entusiasmo polo concerto e felicitou á nova directiva da Asociación e ao novo director da Banda, garantindo todo o apoio do Concello a través da programación cultural e dos acordos directos con Mariñoleira.

Comentarios