José Crespo desminte as acusacións sobre que o seu exasesor siga traballando

O rexedor xustifica algunhas actuacións do exempregado como de mero trámite para facer chegar algunhas peticións de veciños e veciñas aos edís
undefined
photo_camera José Crespo. DP

O alcalde de Lalín, José Crespo, desmentiu este xoves as acusacións dos grupos da oposición, que apuntaban a que o exasesor do Concello, Pepe Iglesias, seguía utilizando os recursos municipais para realizar labores para o equipo do Goberno.

Así, o rexedor xustifica algunhas actuacións do exempregado como de mero trámite para facer chegar algunhas peticións de veciños e veciñas aos edís, pero asegura que "non cobra un euro do Concello".

"Se alguén que traballou para o Concello o chama un pedáneo, parece lóxico que o poña en coñecemento do concelleiro delegado, pois creo que é o máis normal do mundo. En todo caso, se os problemas da oposición son que un exasesor que non cobra un euro do Concello, fai algunha xestión co concelleiro delegado do Rural para que se mellore algunha cousa, debe ser que lle molesta moito que se arranxen as cousas", pois, engadiu, "se non lle molestase non tería ningún problema porque calquera colaborador noso que chame a un concelleiro porque hai un problema que se pode arranxar, primeiro está na súa obrigación e desde logo o problema sería que cobrase do Concello e que non fixese nada para o Concello. Sen cobrar que faga unha xestión co concelleiro delegado para que se arranxe un problema eu non lle vexo ningún tipo de problema", sentenciou.

Cocido 2022. Por outra banda, José Crespo anunciou que este venres reunirase co sector hostaleiro da vila "para escoitalos, porque despois desta pandemia queremos darlle un pulo entendendo a Feira do Cocido como algo transversal onde se beneficia todo o mundo, non só os hostaleiros".

Así, explicou que esta primeira toma de contacto é o pistoletazo de saída para a edición de febreiro de 2022. "Esta é a primeira reunión de traballo para falar con eles e intercambiar opinións tanto para dicirlles cousas que nós pensamos como nas que eles pensan para poder xa incardinar un proxecto, aínda que haxa que suprimir algún acto".

E é que, segundo explicou o alcalde lalinense, a celebración da Gala do Cocido estaría en perigo, "porque 3.000 persoas metidas nun recinto non sei como será, pero en todo caso a totalidade dos outros actos creo que se poderá realizar", asegurou.

"Intentaremos facer a edición do ano que vén o mellor posible. Queremos que sexa unha boa edición", indicou Crespo, que resaltou o feito de que os empresarios galegos dos Estados Unidos "nos pidan que a comida que queren facer no seu día grande sexa un cocido de Lalín e que lla vaian facer cociñeiros de Lalín", pois "é un motivo de satisfacción" .

"Desde o Goberno avogamos por que todo aquilo que ten que ver directamente co Cocido signifique moitos recursos económicos e moitos postos de traballo", sentenciou o rexedor.

Comentarios