Lalín ampliará o cemiterio da Romea e proxecta crear un gran parque natural

O deseño, que levará o nome de Fraga do Alén, ten un orzamento de 1,8 millóns de euros, dos que a Deputación de Pontevedra achega máis de 1,3 a través do Plan Reacpon
Carmela Silva e José Crespo firmaron este martes o convenio. CEDIDA
photo_camera Carmela Silva e José Crespo firmaron este martes o convenio. CEDIDA

O Concello de Lalín transformará o cemiterio da Romea cunha ambiciosa actuación que o integrará nun gran parque natural para o uso e desfrute da cidadanía. O proxecto, cun orzamento de máis de 1,8 millóns de euros, dos que a Deputación achega 1.354.769 euros e o Concello 451.589 euros, ampliará o cemiterio integrándoo coa paisaxe.

O novo espazo público, de ata 32.000 metros cadrados, levará o nome de Fraga do Alén e contará tamén cun lago escenario co nome de Xela Arias.

O alcalde de Lalín, José Crespo, sinalou que "con este proxecto tan ambicioso fixemos un esforzo moi importante, pero valeu a pena", xa que acadar o financiamento da Deputación permitirá "resolver unha demanda que temos desde hai anos, xa que medrou o espazo urbano de Lalín en detrimento das aldeas e iso supuxo un aumento da demanda de nichos neste cemiterio", subliñou o rexedor.

A actuación, "que xa nos dixeron que deberíamos presentar ao Certame Nacional de Arquitectura, en realidade é un xardín no que, ademais, se enterran as persoas", apuntou Crespo.

O espazo contará con elementos como un lago artificial ou un auditorio para "poder organizar actividades de lecer, aproveitando que está situado ao final dunha estrada provincial urbanizada pola que pasea moitísima xente a diario", sinalou.

Así mesmo, o alcalde avanzou que o equipamento será sostible, "empregando enerxía fotovoltaica e incorporando innovacións respecto aos cemiterios tradicionais como por exemplo o fomento das biournas".

A presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, valorou moi positivamente este proxecto "ambicioso e que non se limita só a ser unha ampliación dun cemiterio", senón que se integrará na paisaxe "e resultará un espazo eficiente, dinámico, sostible, ecolóxico e atractivo, converterase nun gran parque natural para a cidadanía cun nome fermoso. Será un espazo único". A presidenta lembrou que os cemiterios son "un servizo fundamental, xa que a morte forma parte do noso tránsito no mundo e precisamos espazos dignos para prestalo. Estamos desexando que a veciñanza goce canto antes deste novo espazo porque será dunha inmensa calidade".

PROXECTO. O actual cemiterio ampliarase cara ao bosque respectando a planta orixinal aínda que con diferente deseño. Haberá dúas entradas, a existente que dá acceso á capela para a celebración de actos funerarios, e unha nova entrada, máis romántica, que permite explorar o cemiterio a través dunha rede de camiños, conectando desta forma unha serie de zonas de estar e equipamentos distribuídos por todo o espazo. Así, vanse realizar camiños sinuosos, entre árbores, e configurarase tamén un lago-escenario elevado sobre o terreo natural para render homenaxe ás mulleres artistas e que levará o nome de Xela Arias.

Na zona sur contigua ao aparcadoiro xerarase un parque exterior aberto, con bancos e aparcabicis e unha zona de xogos infantís. Tamén se remodelará a capela, cubrindo a fachada cunha estrutura de lamas de aceiro, construirase unha marquesiña e instalarase unha escultura en homenaxe ás mulleres vítimas da violencia machista.

O proxecto vai impulsar a mobilidade amable entre os principais espazos públicos do concello, conectando as vías peonís que xa existen coa contorna rural do cemiterio, e así unir o rural co núcleo urbano a través dunha mobilidade alternativa.

A sostibilidade tamén formará parte dos pavimentos elixidos, que respectarán o ciclo da auga evitando a degradación do terreo. Ademais plantarase vexetación autóctona.

CALIDADE DOS PROXECTOS. Por outra banda, Carmela Silva puxo no foco na "grata sorpresa que supuxo para a Deputación a calidade e o número de proxectos que presentaron os concellos ao ReacPon, tendo en conta que as bases do plan eran moi esixentes, pero aínda así os concellos presentaron proxectos moi maduros e que acadaron as puntuacións requiridas".

Comentarios