Lalín centra a programación cultural deste mes na loita contra a violencia machista

O próximo sábado celebrarase a andaina O rural contra a violencia de xénero, na que os participantes percorrerán dez quilómetros
De esquerda a dereita, Susi Payo, Begoña Blanco e Celso Taboada. DP
photo_camera De esquerda a dereita, Susi Payo, Begoña Blanco e Celso Taboada. DP

O Concello de Lalín centrará a súa programación cultural do mes de novembro en actividades para concienciar á poboación contra a violencia machista.

A concelleira de Cultura lalinense, Begoña Blanco, xunto cos axentes de Igualdade Susi Payo e Celso Taboada, presentaron toda a programación que se desenvolverá ao longo de todo o mes de novembro no marco da iniciativa Un outono con cultura.

Así, este luns o hall do Concello será escenario da exposición Toca igualdade, creada pola ONG Intered; mentres que o martes haberá un obradoiro e formación web (18:00 horas), seguido dun documental sobre a igualdade na sala de prensa do Concello, ás 20:00 horas.

Xa o sábado terá lugar a andaina O rural contra a violencia de xénero, durante a cal os participantes pecorrerán dez quilómetros, lerase un manifesto e rematarase cunha chocolatada. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a través dos correos electrónicos [email protected] e [email protected].

O propio día 25N haberá unha concentración en repulsa das violencias machistas; mentres que o 26 celebrarase o foro debate Facendo revolución fronte as violencias machistas na sala de prensa de Lalín, ás 20:00, dirixido a público adulto e impartido por Chis Oliveira e Priscila Retamozo.

Entre tanto, o Concello ofrecerá distintos obradoiros para concienciar á poboación, sobre todo á xente nova, sobre a lacra da violencia machista.

BIENAL LAXEIRO. Por outra banda, o venres 19 de novembro presentarase o catálogo da Bienal Laxeiro 2021, ás 20:00 horas no Museo Municipal.

Comentarios