Lalín coloreará as escaleiras do Auditorio tras o éxito do ceo de paraugas en Colón

A idea é "converter este espazo urbano, de maneira sinxela e orixinal, nun fermoso lenzo para que sexa un novo reclamo da nosa vila"

Infografía del aspecto que tomaría la escalera. CEDIDA
photo_camera Infografía do aspecto que tomaría a escaleira. CEDIDA

En vista das boas críticas que está a cultivar o colorido teito de paraugas da rúa Colón de Lalín, a Concellería de Turismo que dirixe Francisco Vilariño proxecta pintar tamén con rechamantes tons outros puntos do centro urbano, como as escaleiras do parque do Auditorio Municipal, situadas entre o pavillón deportivo, as piscinas e o instituto Aller Ulloa.

A idea é "converter este espazo urbano, de maneira sinxela e orixinal, nun fermoso lenzo de cores que permita superar o seu uso funcional e cotiá como lugar de paso para que sexa tamén un novo reclamo da nosa vila"", argumenta o concelleiro. O pintado levará a cabo nas próximas semanas e con el, o Concello tratará de recuperar e pór en valor unha zona moi transitada. "Estamos convencidos de que, coa activación desta medida tan importante dende o punto de vista estético, a partir de agora serán moitas máis as persoas que se acheguen a este espazo", asegura Vilariño.

Por outra banda, o Concello acaba de adxudicar á empresa Taboada e Ramos o proxecto para mellorar o abastecemento de auga en Bustelo (Lebozán), Anzo, Plamou, Madriñán e Gondoriz (Vilatuxe).

A intervención levarase a cabo con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental e supón un investimento de 82.709 euros. Os edís Miguel Medela e Nicolás González, sinalan que as obras servirán para realizar novas infraestruturas, ampliar os sistemas de traídas de auga e minimizar os riscos de desabastecemento que se están producindo no verán.

Comentarios